O CHUVI liderará a formación de especialistas en pediatría de Galicia

O Ministerio de Sanidad ven de publicar unha Resolución que incrementa a capacidade docente nesta especialidade coa acreditación de 7 prazas MIR e 10 centros de saúde docentes
Publicado por o día 18/06/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

O CHUVI liderará a formación de especialistas en pediatría de Galicia

O servizo de Pediatría do Chuvi acadou que o Ministerio de Sanidad incrementase a súa capacidade docente coa acreditación dun total de 7 prazas de residentes e 10 centros de saúde docentes, de cara á próxima convocatoria MIR 2020.

O goberno nacional ven de publicar unha resolución na que se autoriza o incremento de 3 novas prazas acreditadas para a formación de especialistas en pediatría no Complexo vigués, pasando das 4 actuais a 7; ademais das 4 prazas de residentes en enfermaría pediátrica (EIR).

Nesta resolución especifícase tamén a autorización para incorporar á Unidade Docente Multiprofesional de pediatría, como dispositivos docentes asociados, aos centros de saúde de Teis e de Mos. En total son 10 os centros de atención primaria acreditados para ofrecer esta formación, xa que estes dous novos veñen a sumarse aos que xa viñan desenvolvendo esta actividade: R/Cuba, Matamá, Pintor Colmeiro, Sárdoma, Porriño, Val Miñor, Gondomar e Redondela.

O xefe do servizo de Pediatría, José R. Fernández Lorenzo, manifesta a súa satisfacción con esta resolución “xa que é un recoñecemento da nosa capacidade docente e dos nosos resultados asistenciais, e representa unha oportunidade para posicionarnos como referencia nesta formación especializada, dado que somos o centro sanitario galego con maior número de residentes nesta especialidade”-.

Maior poboación infantil de Galicia

Cómpre lembrar que a área sanitaria viguesa atende á maior poboación infantil de Galicia, a 72.115 nenos e nenas de 0 a 14 anos, o que xera un gran volume de actividade.

A autorización ministerial suporá unha maior dispoñibilidade de especialistas – en catro anos contarase con 28 novos pediatras – o que contribuirá a facilitar as coberturas a curto e medio prazo e minimizar o impacto producido pola absoluta carencia actual no mercado laboral de pediatras en desemprego. O paro cero nesta especialidade está xerando dificultades en toda España á hora de cubrir prazas e ausencias dos titulares.

Cobertura pediátrica do 88%

A solicitude de novas prazas MIR enmárcanse no conxunto de actuacións que o Servizo Galego de Saúde está desenvolvendo para poder dispoñer de máis pediatras: ampliouse a posibilidade de xubilación ata os 68 anos, e estase a promover a captación de profesionais fóra de Galicia.

Cómpre lembrar que Galicia é unha das comunidades autónomas con maior taxa de cobertura pediátrica nos centros de saúde, un 88%, mentres que noutras comunidades autónomas, case a metade dos nenos non teñen pediatra e son atendidos polo facultativo de familia.