O CIAE rexistra 146 incidencias relacionadas coa meteoroloxía adversa nas últimas horas

Por o 06/11/2018 | Sección: Sucesos
O CIAE rexistra 146 incidencias relacionadas coa meteoroloxía adversa nas últimas horas

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia ven de rexistrar un total de 146 incidencias entre as 09:00 horas e as 18:00 horas de hoxe debido á alerta laranxa decretada por costeiros, vento e choivas que está a afectar á nosa Comunidade.

Por provincias, A Coruña foi a máis afectada con 71 incidencias rexistradas, Pontevedra con 39, seguida de Lugo con 22 e por último a provincia de Ourense, con 13 incidencias.

En canto aos concellos, na provincia da Coruña destaca Santiago de Compostela con 10 incidencias xestionadas, Vimianzo con 4 e Padrón con 3. En canto aos concellos pontevedreses que máis incidencias rexistraron salientan Vilagarcía de Arousa con 5 incidencias, A Estrada con 4 e Vigo con 3. Na provincia de Lugo resaltar os concellos de Barreiros con 9 incidencias e Foz con 3. En Ourense, destacan as 3 do Carballiño e as dúas incidencias de Carballeda de Avia e Ribadavia, respectivamente.

Os tipos de incidencias que máis se repetiron foron por obstáculos, terra e pedras nas estradas (80), bolsas de auga nas vías de circulación (12) e restos de accidentes e obxectos na vía (8).

Destacar, tamén, que o 112 Galicia tivo constancia dun accidente laboral ocorrido en Portomarín. Segundo os datos facilitados ao CIAE-112, un operario que se atopaba cortando árbores resultou ferido ao caerlle unha enriba.

Sucedeu na parroquia de Recelle, ao fío das 12:20 horas. Nese momento, unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para alertar dos feitos e, nada máis recibir o aviso, os xestores do CIAE-112 puxeron a situación en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, da Garda Civil e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Portomarín.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.