O ciclo Café con Sal debulla as infraestruturas singulares coas que conta a Ecimat

Centrouse no HF radar e nas instalacións de mesocosmos
Publicado por o día 18/02/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O ciclo Café con Sal debulla as infraestruturas singulares coas que conta a Ecimat

A Estación de Ciencias Mariñas de Toralla conta con infraestruturas punteiras para a realización de estudos de oceanografía, entre elas o HF radar e as instalacións de mesocosmos. Nelas centrouse a segunda conferencia do ciclo Café con Sal, da man de José González, investigador de Oceanografía Física, do Centro de Investigación Mariña.

Na súa intervención González lembrou que as infraestruturas singulares se poden definir como “grandes instalacións ou equipos dedicados á investigación de vangarda, abertos á comunidade científica nacional e internacional, cun investimento e/ou custos de mantemento elevados”. No caso das instalacións coas que conta a Ecimat, o investigador referiuse por unha banda aos HF radares, unha tecnoloxía mariña que proporciona mapas das correntes superficiais en tempo case real en áreas que abarcan desde uns poucos quilómetros ata os 200 km. Son sistemas escasos debido ao seu custo e ás súas necesidades de instalación, motivos polos cales actualmente hai só dous radares de alta frecuencia cunha resolución de 175 metros, “un deles na Ecimat, que ten unha singularidade importante: a súa frecuencia e, polo tanto, a súa resolución”.

Outra das infraestruturas singulares coas que conta a Ecimat son as instalacións de mesocosmos mariños, únicos na península ibérica e únicos en Europa situados nunha rexión de afloramento. Trátanse de estruturas flotantes, unha especie de laboratorios no mar, que permiten manipular variables de salinidade, temperatura o radiación solar para realizar ensaios biolóxicos in situ.

Comentar noticia

Your email address will not be published.