O ciclo Café con Sal fixa a súa ollada na estrutura filoxenética da pescada

A investigadora foi elixida como unha das mellores divulgadoras do certame Somos Científicos
Publicado por o día 05/02/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O ciclo Café con Sal fixa a súa ollada na estrutura filoxenética da pescada

A novena edición do ciclo de conferencias Café con Sal arrancou hai dúas semanas cunha sesión dobre, pero este martes o programa contou coa primeira convidada da Universidade de Vigo. María Fernández,  investigadora predoutoral de Recursos Xenéticos Mariños (ReXenMar) do CIM-UVigo e do grupo AquaCOV do Instituto Oceanográfico de Vigo, foi a encargada de abrir a representación da UVigo neste ciclo e fíxoo cun relatorio titulado Hakes of the world: clarifying the phylogenetic status of five candidate species, na que presentou a metodoloxía e algúns dos resultados da súa tese doutoral.

Recoñecida en 2018 como unha das mellores divulgadoras do certame Somos científicos 2018, no que gañou na categoría de Alimentación, Fernández centrouse na importancia da diversificación de especies mariñas e a modernización acuícola a través da innovación, “imprescindibles para o desenvolvemento e sustentabilidade da acuicultura”. De feito, a súa tese de doutoramento, titulada Aplicación de la genómica y la transcriptómica al cultivo de especies candidatas en acuicultura, ten como obxectivo mellorar a trazabilidade do xénero Merluccius spp, caracterizar as novas especies e diferenciar os stocks rexionais. A investigación está sendo dirixida polo profesor Pablo Presa, do grupo ReXenMar da Universidade de Vigo e Montse Pérez, do grupo AquaCOV, do Instituto Español de Oceanografía e conta co apoio económico do proxecto Letshake por parte do Ministerio de Economía y Competitividad, o Centro Singular de Investigación Mariña da Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia.

Estrutura filoxenética completa do xénero Merluccius spp.

Na súa intervención, Fernández explicou que a primeira barreira coa que se enfronta o cultivo e conservación da pescada europea é a súa controvertida identificación a nivel de especie, xa que non se coñecen claves de diagnóstico fiables inherentes a todos os espécimes dunha especie dada. Aínda así, remarcou que nas últimas décadas se logrou un grande avance na filoxenia de Merluccius spp. utilizando distintas dianas morfolóxicas e xenéticas. De feito, a investigadora expuxo a estrutura filoxenética completa do xénero Merluccius spp. que inclúe todas as formas e morfotipos candidatos descritos ata agora neste xénero, a metodoloxía empregada, consistente en dianas xénicas con características evolutivas distintas, e distintas estratexias de reconstrución filoxenética. Con todo, remarcou que as filoxenias construídas ata a data non reúnen todos os taxons candidatos existentes nin revelan a súa localización exacta de pesca para reconstruír unha filoxenia completa neste xénero.

A próxima cita co Café con Sal, o 19 deste mes

O vindeiro 19 de febreiro regresa o ciclo de conferencias Café con Sal, cun relatorio a cargo de Antonio Villanueva, do Centro de Investigacións Mariñas, titulado ABS?, are you talking about my car´s brakes?

Comentar noticia

Your email address will not be published.