O ciclo ‘Camiños Sonoros’ chega esta fin de semana a Lalín con tres concertos gratuítos a cargo de novos prodixios galegos

Esta iniciativa impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo para divulgar o Camiño de Santiago a través da música por distintas localidades da Vía da Prata terá como protagonistas o piano e a frauta travesa no Pazo de Liñares
Por o 26/06/2019 | Sección: Cultura
O ciclo ‘Camiños Sonoros’ chega esta fin de semana a Lalín con tres concertos gratuítos a cargo de novos prodixios galegos

Camiños Sonoros, o ciclo musical impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo que está a percorrer diferentes concellos galegos da Vía da Prata, fai parada en Lalín esta fin de semana, con tres concertos gratuítos no Pazo de Liñares. Participarán alumnos dos conservatorios profesionais de Xinzo de Limia, A Estrada e o Superior da Coruña.

O primeiro dos concertos celebrarase o venres ás 20,00 horas e os protagonistas serán seis alumnos do Conservatorio de Xinzo de Limia. David Álvarez, Elba Vázquez, Sara Lama, Aldara Rodríguez, Nicolás Casal e Aixa González interpretarán un programa de temas para piano e frauta travesa, que inclúe composicións de Franz Doppler, Mancini, Ravel e Bizet entre outros autores. Ademais, está previsto que a este concerto asista un grupo duns 40 alumnos do Conservatorio de Xinzo de Limia.

O sábado á mesma hora, ás 20,00 horas, o piano encherá de sons o Pazo de Liñares, cun repertorio completo de Franz Liszt, que interpretará Álvaro Sieira, alumno do Conservatorio Superior da Coruña. Na última cita musical da fin de semana en Lalín, o domingo, volverá soar o piano, a mans de dous novos prodixios, alumnos do Conservatorio Profesional da Estrada, Xián Fernández e Nerea Vaamonde, que interpretarán unha selección de temas clásicos de Mozart, Chopin, Dussek e Bach.

Este programa está impulsado pola Xunta de Galicia e conta coa participación de mais dun cento de mozos estudantes de conservatorios galegos, coa dirección artística da pianista e xestora musical Andrea González. Para os alumnos participantes, esta experiencia serve para afianzarse na interpretación en directo e no contacto co público, ademais de ser unha oportunidade para descubrir o patrimonio cultural das localidades galegas polas que pasa a Vía da Prata. A música, o patrimonio e a formación únense neste percorrido con 40 paradas por todo o territorio galego durante as fins de semana de maio a xullo. Todos os concertos son gratuítos e están dirixidos ao público xeral.

O ciclo forma parte da programación previa do Xacobeo 21 e inclúese no calendario do Plan Director do Camiño de Santiago, que prioriza melloras e diferentes accións de dinamización cultural nesta ruta en 2019. Tras o seu paso por Lalín, Camiños Sonoros fará as seguintes paradas no Mosteiro de Oseira, en Cea, o vindeiro 5 de xullo, e tamén en Xinzo de Limia, os días 6 e 7 de xullo.

PROGRAMA DESTA FIN DE SEMANA
LALÍN, PAZO DE LIÑARES

Venres 28 de xuño. 20.00 horas
Conservatorio Profesional de Xinzo de Limia

David Álvarez Martínez, piano
Elba Vázquez Rodríguez, frauta travesa
Sara Lama Opazo, frauta travesa
Aldara Rodríguez, frauta travesa
Nicolás Casal, frauta travesa
Aixa González, frauta travesa

Sábado 29 de xuño. 20.00 horas
Conservatorio Superior da Coruña

Álvaro Sieira, piano

Domingo 30 de xuño. 20.00 horas
Conservatorio Profesional da Estrada

Xián Fernández, piano
Nerea Vaamonde, piano.

Comentar noticia

Your email address will not be published.