O Círculo de empresarios de Galicia pide que se abandone o debate político sobre o Corredor Atlántico

“É o momento dos técnicos e dos operadores loxísticos”, sinala Patricia García
Publicado por o día 18/07/2019 na sección de Galicia

O Círculo de empresarios de Galicia pide que se abandone o debate político sobre o Corredor Atlántico

O Círculo de Empresarios de Galicia fai un chamamento á sensatez e a abandonar un debate localista en torno ao ramal do Corredor Atlántico, que inclúe a Galicia na Rede Transeuropea de Transporte.

“É o momento dos técnicos e dos futuros operadores loxísticos”, sinalou Patricia García con respecto á polémica xurdida recentemente. Lembra, ademais, a presidenta do Círculo que esta entidade foi a primeira, hai unha década, en alertar sobre o risco de que Galicia quedase excluída dos grandes corredores ferroviarios europeos de mercadorías. Desde entón, Círculo veu insistindo, ano tras ano, na necesidade de reivindicar a inclusión, finalmente aceptada pola CE. “Agora, trátase dun asunto técnico para resolver e optimizar a solución do tráfico de mercadorías en Galicia, onde non teñen cabida os localismos”.

Neste sentido, Círculo insiste na solución achegada no seu día polo Foro de Urbanismo e Infraestruturas (FUN), a ‘Dorsal Cantábrica’, que ademais de atender as necesidades dos portos galegos fortalecerá os portos secos da PLISAN e Monforte de Lemos, como os principais nós loxísticos de Galicia.

Tal e como expresou Círculo nas súas alegacións ao Plan do Porto de Vigo, trátase de bosquexar “un proxecto que garanta volume suficiente de carga ferroviaria desde Galicia”. Para iso aposta pola conexión entre a PLISAN- que dará servizo á zona sur de Galicia- e o Porto Seco de Monforte, vía Ourense, xa que Monforte “tamén dá saída aos portos de Ferrol e A Coruña, vía Lugo”. En todo caso, hai que seguir insistindo no desenvolvemento das conexións ferroviarias dos portos de Ferrol (máis avanzadas) e A Coruña.

Con iso, reduciríanse custos de explotación no tráfico de mercadorías, “ao posibilitar agrupar máis toneladas nun só tren ata León e, desta maneira, reducir ao mínimo as habituais retencións”. O obxectivo, coincidente coa UE sería desenvolver trens de mercadorías de máis de 750 metros.

“Trátase de sumar sinerxias entre os portos galegos de interese xeral, en liña coa idea ‘Galicia, centro do Atlántico’”, que Círculo vén defendendo desde 2009.