O clásico ‘Buscon’ de Quevedo atraca en Vigo nunha adaptación que o leva aos nosos tempos

ButacaZero arranca xira do 2019 retomando esta proposta que con grande éxito se estreara en 2015
Por o 05/02/2019 | Sección: Cultura,Eventos,Galicia,Vigo
O clásico ‘Buscon’ de Quevedo atraca en Vigo nunha adaptación que o leva aos nosos tempos

Volve a Vigo El Buscón, o clásico texto de Quevedo, na marabillosa adaptación aos nosos tempos feita por Ozcar Galán. A proposta teatral nace precisamente do clásico pícaro de Quevedo, mantendo a súa esencia e os seus personaxes máis entrañables e recoñecibles polo público (Don Teo, Cabra…). Pero pronto o mundo que arrodea ao protagonista, Pablos, vai cambiando, e co cambio, el mesmo convertese nun pícaro dos nosos días que convive coa nosa realidade máis actual: a dos medios de comunicación, a corrupción do poder e mesmo a incertidume política post 24M.

O mundo, parece ser, non cambiou demasiado.

A proposta, baixo a impecable dirección de Xavier Castiñeira, leva a escena a un espléndido Sergio Macías que non só interpretará a Pablos (o Buscón) senón tamén, nun alarde maxistral de interpretación, a moitos dos personaxes que acompañaron a súa vida. Máis non estará só en escena, pois dende a enorme pantalla aparecerán os pais, os amigos e os inimigos: Nuria Montero, Damian Contreras, Ricardo Solveira, Pablo Calvo, Julián Herrero o Damian Villalaín, entre outros, dan vida a estas personaxes que nos conducen de cara a un final non tan previsible… nin desexable.

SINOPSE

Pablos nace no seo dunha familia complicada. Tras pasar pola escola de Don Teo (ese dedo, don Teo!), e rematar no reformatorio de Cabra (que é mote, e non nome), Pablos recibe a herdanza pola morte dos seus pais, mais uns simples trileiros rematan coa súa fortuna. Así é como o noso protaginista chega a Madrid, onde un caixeiro na porta do Sol será o seu primeiro albergue, e onde recibirá a paliza que agretará o seu corpo mais tamén a súa alma. Se non queda máis remedio, haberá que converterse en vil Buscón.

Comezará con pequenos hurtos e estafas, mais pouco a pouco este Pablos dos nosos días acabará por recordarnos moito a algúns dos protagonistas máis coñecidos da nosa esfera política. Parecera que a esencia do pícaro estiverse nos xens dese “honrado español”. E que non poidamos quitar iso do medio por moitos anos que leve Quevedo na tumba.

BUTACAZERO. A COMPAÑÍA

ButacaZero é a plataforma creativa de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, que propoñen un teatro que dialoga directamente co mundo actual: un teatro necesario. A investigación e a reflexión dende un ollar crítico e irónico son  as claves que definen as súas propostas que se concretan en dramaturxias feitas á medida nas que a tradición teatral se mestura coas posibilidades que ofrece o audiovisual en  escena.

ButacaZero deuse a coñecer no ano 2016 na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia con Voaxa e Carmín, peza que inicia unha triloxía sobre a memoria, neste caso histórica, ao levar a escena  a Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, as coñecidas Marías de Santiago de Compostela. No 2017 estrean na butaca [fantasía nº3 en Dor Maior], un solo de teatro•danza no que se aborda a memoria dende o esquecemento individual, investigando sobre as demencias.  Con #camiños, que se estreará no 2018, péchase esta triloxía reflexionando sobre a memoria dun pobo: o noso.

GOLIARDOS. A OUTRA COMPAÑÍA

Los Goliardos debuxa unha das páxinas máis importantes da historia do teatro recente español. Creada en 1964 por Ángel Facio foi un exemplo de compromiso entre o social e o experimental, entre as novas dramaturxias de creación e a realidade máis inmediata da súa época. Unamuno, O´Neill, Chejov, Arrabal, ou o mesmísimo Brecht, son algúns dos nomes sobre los que Goliardos foi elaborando unha traxectoria tan extensa como envexable. Polas súas filas pasaron nomes como Carmen Maura, Juan José Otegui, Esperanza Abad, Almodovar ou Santiago Ramos.

XAVIER CASTIÑEIRA. O DIRECTOR.

Artesán da escena. Respectuoso co ollar intelixente do espectador. Interesado na mestura da realidade e os mundos poéticos da escena. Os seus últimos espectáculos; El Buscón, Voaxa e Carmín, #camiños revelan a necesidade de experimentar con formas escénicas no que conviven a tradición e a modernidade.

Licenciado en Dirección de escena pola Resad a súa carreira transcorre xunto a diferentes mestres da dirección galega, nacional e internacional como Manuel Lourenzo, Ana Vázquez de Castro, Fabio Mangolini, Andrés del Bosque… A súa formación recolle diferentes métodos que inclúen a gramática corporal de Lêcoq, a preexpresividade de Barba, a diana de  Donnellan, a repetición de Meissner, o análise activo de Stanislavski…

 

DATAS

Sala Ártika

Venres 8 FEB 2019 –  21h

Sábado 9 FEB 2019 21:30h + Coloquio

Domingo 10 FEB 2019- 20h

Comentar noticia

Your email address will not be published.