O club de lectura do campus afronta o seu segundo ano de actividade cun grupo xa consolidado

A súa sede está na Biblioteca Rosalía de Castro
Publicado por o día 15/01/2020 na sección de Galicia,Ourense,Universidade de Vigo

O club de lectura do campus afronta o seu segundo ano de actividade cun grupo xa consolidado

O pasado curso académico botou a andar na Biblioteca Rosalía de Castro o primeiro club de lectura do campus de Ourense. A iniciativa afronta agora o seu segundo ano de actividade cun grupo consolidado de 15 lectoras e lectores fieis que cada mes se reúnen para compartir a súa visión de obras escollidas. “A resposta que tivo a iniciativa foi moi boa, incluso mellor do que agardabamos”, comentan as responsables da iniciativa, que son Mercedes Pérez, técnica da Biblioteca Rosalía de Castro, e Alba González e Uxía Veloso, alumnas do Grao en Educación Infantil da Facultade de Ciencias da Educación.

O club universitario deu os seus primeiros pasos a finais de outubro de 2018 co nome de A Comarca, tomando a denominación das novelas O hobbit O señor dos aneis, de Tolkien, e a proposta das alumnas promotoras, amantes da literatura de ciencia ficción. A iniciativa, lembran, xurdiu entón coa idea de “converterse nun lugar de encontro” no que amantes da lectura puidesen gozar co intercambio de opinións e ideas sobre obras literarias. “Cando empezamos agardabamos que o club estivese formado por un número moi reducido de xente pero somos xa un grupo de 15 persoas moi participativas, enchendo cada mércores que nos reunimos a sala de xuntas da biblioteca”, comentan desde a organización da actividade.

Trátase, apuntan as responsables do club, “dun grupo moi estable, que participa en todas as sesións, moi fidelizado, e que incluso trae novos membros ao club”. O perfil de participantes, indican, “é moi diverso”, habendo membros da comunidade universitaria, desde alumnado de grao a estudantes do Programa Universitario de Maiores, ata egresadas e egresados e algún usuario habitual da biblioteca universitaria. A pesar de ser un grupo xa consolidado, desde a súa organización sinalan que “sempre é interesante que veña xente nova pois por motivos de traballo ou de fin de estudos no campus de vez en cando hai algunha baixa”, animando ás persoas interesadas a achegarse a algunha das sesións.

Motivacións e dinámicas

Sobre os motivos que levan á xente a participar no club de lectura A Comarca, as súas promotoras comentan varios. Por unha banda, apuntan, “temos xente que estuda en centros como Ciencias ou Enxeñaría Informática e que como todo o que len é material técnico ou relacionado coa súa materia, o que queren é ler cousas diferentes”. Por outra banda, recalcan, “á xente gústalle contrastar a lectura, comentar e argumentar sobre os libros que len e aquí teñen un espazo moi bo para facelo”. Outros alicientes, engaden, son a oportunidade que dá esta iniciativa de compartir con outros amantes da lectura recomendacións de obras e mesmo o feito de achegarse a estilos literarios fóra do que unha persoa soe ler. “Nós procuramos combinar estilos totalmente diferentes, desde clásicos a literatura actual en galego e castelán, intentamos abranguer un espectro amplo”, subliñan desde a actividade.

A dinámica de funcionamento do club marca que un mércores ao mes reúnense, de 18.30 a 20.30 h aproximadamente, as e os participantes na sala de xuntas da Biblioteca Rosalía de Castro, elixindo o día en función do calendario académico. Na reunión coméntase detalladamente a lectura do libro entregado na anterior sesión e recóllese o seguinte libro que se lerá. A cada membro do club se lle entrega en empréstamo un exemplar do libro escollido pola organización, sendo os fondos proporcionados polo servizo para clubs de lectura da Biblioteca de Galicia. “A elección é sempre sorpresa para os participantes”, indican desde o club. Ademais do exemplar, entrégaselle a cada lector e lectora unha folla informativa sobre a súa autoría, que material hai dese autor o autora na biblioteca, etc. A primeira sesión de 2020 está previsto que sexa o mércores 22 de xaneiro e que nela se comenten os cómics lidos neste Nadal polos membros do club.