O Club Natación Travesas Máster de Vigo obtén 15 medallas, 3 récords galegos e 1 de España no Campionato nacional Open de Inverno Máster

Un total de 18 nadadores do conxunto olívico participaron na competición celebrada na piscina Rías do Sur (Pontevedra) do 7 ao 10 de febreiro
Por o 11/02/2019 | Sección: Deportes,Galicia,Natación,Vigo
O Club Natación Travesas Máster de Vigo obtén 15 medallas, 3 récords galegos e 1 de España no Campionato nacional  Open de Inverno Máster
Compartir en:
O Club Natación Travesas Máster de Vigo obtivo 15 medallas -6 de ouro, 3 de prata e 6 de bronce- no XXV Campionato de España Open de Inverno Máster celebrado na piscina Rías do Sur (Pontevedra) do 7 ao 10 de febreiro. Das 15 medallas, 6 foron de ouro (Iván Claudio Fernández Novoa en 100 bolboreta, Isabel Moral Rubio en 100 e 200 costas e Alejandro Ros Rosillo en 200 e 100 braza e 400 estilos), 3 de prata (Ángela Gómez Doval en 400 estilos e 100 bolboreta e Constante Pérez Soliño en 100 bolboreta) e 6 de bronce (Iván Claudio Fernández Novoa en 50 braza, Isabel Moral Rubio en 200 e 400 libres, Ángela Gómez Doval en 200 estilos, Alejandro Ros Rosillo en 50 braza e Javier Santamaría en 100 bolboreta). Ademais, o equipo galego conseguiu 1 récord de España (Iván Claudio Fernández en 100 bolboreta) e 3 récords galegos (Iván Claudio Fernández en 50 braza e Alejandro Ros en 200 e 100 braza).
Por equipos, a formación viguesa, que acudiu a Pontevedra con 18 nadadores (10 homes e 8 mulleres) e participou en 52 probas individuais e 8 substitucións, clasificouse nun meritorio posto 24º dun total de 147 equipos participantes e foi primeiro entre os clubs galegos en todas as categorías. Na categoría masculina, ocupou o posto 22º de 120 equipos e, na feminina, o 26º de 119 equipos.
No XXV Campionato de España Open de Inverno Máster participaron un total de 1.173 nadadores (709 homes e 464 mulleres). O Club Tenis Chamartín proclamouse campión de España por clubs cun total de 3.766 puntos, seguido do Club Tenerife Másteres (2.815) e o CD Xerez Natación Máster (2.691).
Entre os obxectivos do Club Natación Travesas de Vigo para este ano están o conseguir o título de campión da liga galega Máster e o Campionato galego Máster de verán.
 
O Club Natación Máster Travesas fundouse en Vigo en 1996. Na actualidade conta con máis de 60 nadadores en activo con idades comprendidas entre os 20 e máis de 60 anos, que compiten en distintas probas a nivel autonómico, nacional e internacional. O conxunto vigués adestra semanalmente nas piscinas municipais de Travesas e Teis baixo a dirección de Luís Leiro.

Comentar noticia

Your email address will not be published.