O cociñeiro de Pontevedra, Rubén González Vallejo (El Cafetín), gaña o Certame de Tapas por Galicia

Na Gala Show Cooking celebrada hoxe en Santiago, logrou tanto o premio do xurado profesional como o galardón do público.
Publicado por o día 18/07/2018 na sección de Eventos,Galicia

O cociñeiro de Pontevedra, Rubén González Vallejo (El Cafetín), gaña o Certame de Tapas por Galicia

Representando a Pontevedra, o cociñeiro Rubén González Vallejo, de El Cafetín, gañou este serán a cuarta edición do certame De Tapas por Galicia, trascompetir na Gala Show Cooking organizada por Turismo de Galicia e celebrada en Santiago.

O xurado profesional, formado por cinco profesionais relacionados co turismo e a gastronomía, considerou que o seu petisco, Vieira afumada carballolaurel sobre arroz de algas, foi o mellor das sete propostas elaboradas polos chefs finalistas, gañadores dos concursos locais de tapas das sete cidades galegas. González Vallejo convértese, así, no Mellor Cociñeiro de Tapas por Galicia 2018. Ademais, fíxose tamén co Premio do Xurado Popular, ao ser o máis votado polo público asistente, integrado por expertos do sector, asociacións, xornalistas e blogueiros, e que valorou tanto a presentación como o sabor de cada unha das receitas. Os votos do público situaron en segundo lugar a tapa de Alejandro Martínez Lázare, de Lugo (Arrozaría Os Cachivaches) e, en terceiro posto, a de Rafael Pérez Iglesias, de Vigo (La Carpintería).

A Gala Show Cooking De Tapas por Galicia forma parte das accións de Turismo de Galicia para a difusión da creatividade dos cociñeiros galegos como elemento de promoción do turismo urbano. Conducida pola presentadora María Cheda, contou coa presencia da conselleira do Mar, Rosa Quintana, que pechou o acto, da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro,encargada de inaugurala, e da directora xeral de Gandaría, Agricultura e IndustriasAgroalimentarias, Belén do Campo. No evento, os cociñeiros participantes remataron a elaboración dos seus pratos en directo, explicando o seu proceso de creación.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou que De tapas por Galicia permite coñecer de preto o talento galego e as novas tendencias culinarias e é un escaparate da riqueza gastronómica de Galicia. Así mesmo, indicou que o tapeo aposta por potenciar as singularidades identitarias galegas e que combina á perfección os sabores tradicionais e as novas elaboracións.

Pola súa banda, Nava Castro salientou o crecente papel da enogastronomía na estratexia turística galega e puxo en valor o gran potencial de Galicia neste eido, representado nas súas máis de 300 festas gastronómicas, cinco delas co recoñecemento de Interese Turístico Nacional, así como os 11 restaurantes Estrella Michelín ou os 37 Soles Repsol.

A responsable de Turismo da Xunta referiuse ao comportamento turístico dos últimos anos, no que a Comunidade medra en calidade, e destacou que a enogastronomía está a ter moito que ver coa prolongación da estadía media dos turistas en Galicia, que nos cinco primeiros meses do ano subiu por riba da media española.

No marco do hotel AC Palacio del Carmen de Santiago, competiron nesta edición Alejandro Martínez Bacelo (Café Vanessa, Ferrol); Sergio Musso e Francisco Chicón (Ecléctic, A Coruña); Álvaro Pérez Blanco (ArteSana Gastrobar, Santiago de Compostela); Rubén González Vallejo (El Cafetín, Pontevedra); Rafael Pérez Iglesias (La Carpintería, Vigo); Bianca Coura, Gerson Iglesias e Pablo Domínguez Veloso (A Adega das Caldas, Ourense); e Alejandro Méndez Lázare (Os Cachivaches, Lugo).

O xurado profesional estivo integrado por Cesáreo González Pardal, Secretario do Clúster deTurismo de Galicia; Miguel Ángel Campos, Presidente do Grupo Nove; Alberto Ribas, blogueiro;Cristóbal Ramírez, xornalista especializado en turismo; e Miguel González Quintela, cociñeiro do Restaurante Gastrobar SanMiguel, gañador do Premio do xurado profesional na edición de 2017.