O colectivo de pensionistas de Endesa celebrou esta tarde unha multitudinaria asemblea nas Pontes para abordar a situación da negociación do convenio colectivo (do que dependen os beneficios sociais que a empresa lles vén de suprimir) logo da ruptura da unidade sindical que existía até agora neste ámbito, ao desmarcarse UGT (que ten a maioría na mesa negociadora) cunha proposta unilateral de arbitraxe, da que se descoñecen os detalles.
Na asemblea, na que participaron unhas 600 persoas do denominado colectivo de pasivos (xubilados/as, prexubilados/as, viúvos/as e orfos/as), manifestouse non ver nesta arbitraxe que propón UGT unha saída ao conflito aberto a raíz de que Endesa dese por decaído o IV convenio colectivo, aproveitando esta circunstancia para eliminar os beneficios sociais que até tiña recoñecidos este colectivo. Dereitos sociais históricos como a tarifa eléctrica bonificada ou as bolsas de estudo, que forman parte do denominado salario en especie.
Fernando Branco, voceiro do colectivo e responsábel de enerxía da CIG, explicou que a se decidiu non apoiar a solicitude da arbitraxe cando menos sen que se expliquen nun documento por escrito os detalles desta mediación e que se pretende conseguir con ela tanto por parte de UGT como da patronal. Neste senso, Branco adianta que a CIG mantén o recurso que ten presentado diante do Tribunal Supremo contra o auto da Audiencia Nacional que avala a supresión dos dereitos sociais, e a súa retirada ou non será decisión da propia asemblea.
A retirada do recurso, xunto co abandono das mobilizacións e manter a “paz social”, é unha das condicións que impuxo a dirección de Endesa para someterse á arbitraxe. Unhas condicións que, dadas as circunstancias actuais resultan inasumíbeis.
O conflito aberto pola negociación do novo convenio colectivo e no que o persoal pensionista é o máis activo e o que está tirando das mobilizacións, mestúrase co conflito xerado ante a parada produtiva da central térmica das Pontes e a decisión de Endesa de abandonar definitivamente a produción eléctrica con carbón, sen formular ningunha alternativa viábel e deixando no aire o futuro industrial da comarca e de centos de empregos.
A situación crítica da comarca levou ao chamdo “comité de crise” a convocar unha nova manifestación o próximo xoves 14 de novembro, ás 20 horas, cun percorrido que aínda por concretar.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.