O Colectivo Perverso ofrece unha nova sesión de vermú poético na sala Ártica

Publicado por o día 29/05/2015 na sección de Eventos

O Colectivo Perverso ofrece unha nova sesión de vermú poético na sala Ártica

– Domingo 31 de Maio, 12:00h, Sesión Vermú en Sala Artika

– Un espectáculo delicioso e para todos os públicos!!!

– Vexetarianos e vexetarianas, carnívoros e carnívoras, omnívoros e onívorass, [email protected], [email protected]freegans, respiracionistas, ovovexetarianos, lacteovexetarianas, ovolácteovexetarianos-as!

O ESPECTÁCULO

Por que brillan tanto as mazás? Que ten dentro o colacao? É mellor limpar con lixivia ou con disiclín? E sobre todo… van os expresidentes do goberno ao Supermercado?

SUPERMARKET ofrece ao espectador 59,99 minutos de auténtico e orixinal Stand Up Poetry para partirse de risa. Esther F. Carrodeguas comeza xogando ás tendiñas con cartos que son pedras para entrar máis tarde nun hipermercado e construír historias dentro dos iogures que deixarán ao público cun doce sabor de boca. Poesía, bailes, erotismo, adiviñas e mesmo un superconcurso completan este espectáculo absolutamente delicioso.

SUPERMARKET ofrece ao espectador 59,99 minutos de poesía pero sobre todo: comedia. É por iso que ven definido como Stand Up Poetry xa que se achega moito ao espectador dende o humor, pero dun xeito poético. Un espectáculo vertebrado arredor da idea dun supermercado no que se venden os textos do propio show, a modo de tupper-sesión. Versos frescos e libres que abordan temas de plena actualidade nun súper: as rutinas de traballo, o malgasto de comida, os ingredientes dos produtos ou os conservantes que poden chegar a ter, os conflitos coas datas de caducidade e consumo preferente, os tratamentos embelecedores das froitas e verduras… E todo dende un ollar humorístico, cítrico, satírico… e moi romántico.

SUPERMARKET nace da necesidade de mesturar as diferentes disciplinas artísticas polas que transita Esther F. Carrodeguas: a escrita poética, o recitado, a interpretación, o clown ou a investigación xornalística (en referencia á alimentación nos supermercados, neste caso). Todo isto cociñado coa man e experiencia de Xavier Castiñeira, que consegue que a receita deseñada por Carrodeguas fique no seu punto perfecto de cocción.

O Equipo

ButacaZero é o espazo de creación de Xavier Castiñeira, Esther F. Carrodeguas e Ozcar Galán. Nace hai case 10 anos en Madrid, cando Xavier e Ozcar rematan os seus estudos na RESAD de Madrid onde descobren ser ‘almas siamesas’ creativas, desenvolvendo unha teatralidade que deambula entre o real e o fantasioso sen deixar nunca de lado un forte compromiso co aquí e o agora. Coa chegada de Castiñeira a Galicia, para ser profesor de Dirección na ESAD de Galicia, únese á compañía Esther F.

Carrodeguas, que lle aportará dende o seu nacemento unha vertente moito máis performativa e poética.

Neste senso, ButacaZero pertence ao Colectivo Perverso (único colectivo de Poesía Escénica de Galicia)

Esther F. Carrodeguas

(Rianxo, 1979) é escritora, xornalista, técnica audiovisual, actriz e directora teatral. Licenciada en Xornalismo e Técnica Superior en Imaxe, tras traballar durante anos no eido audiovisual, decide cambiar o seu rumbo vital no 2006 de cara ao teatro e a creación propia. É así como comeza a formarse como actriz en Espazo Aberto ou na Escola Internacional da Comicidade. Na actualidade estuda dramaturxia na Escola Superior de Arte Dramático de Galicia

Fundadora da Compañía Teatro da Falúa (eterna finalista do certame Galiza Crea), dirixe na actualidade o Cadro Artístico Airiños (o máis antigo en activo de Galiza). No eido poético, é xa unha clásica organizadora de macrorecitais e ‘slams’ no Barbanza.

Con SUPERMARKET e baixo a dirección de Xavier Castiñeira comeza unha nova etapa da súa vida entrando a formar parte da compañía ButacaZero

Xavier Castiñeira

(A Coruña, 1971) comeza a facer teatro mentres estuda Filoloxía Hispánica na súa cidade natal, onde pronto camiñará da man de Manuel Lourenzo en CasaHamlet.

Despois de traballar con varios grupos galegos e de dirixir a Aula de Teatro da Universidade da Coruña decide trasladarse a Madrid cunha beca de estudo para completar a súa formación como Director.

Trala licenciarse pola RESAD a súa traxectoria compaxinará a docencia coa creación e a escrita teórica. É cofundador en Madrid de varias compañías, entre as cales, ButacaZero, con Ozcar Galán, con que comparte unha mesma maneira de entender o teatro. Na actualidade é profesor de dirección e produción na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.