O colectivo Vigo sen Bombeiros presentarán unha querela criminal contra o Concello de Vigo por presunto delito de prevaricación

TSXG desestima o recurso do Concello de Vigo e confirma a nulidade do decreto que suspende descansos a bombeiros
Publicado por o día 06/07/2020 na sección de Galicia,Sucesos,Vigo

O colectivo Vigo sen Bombeiros presentarán unha querela criminal contra o Concello de Vigo por presunto delito de prevaricación

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso de apelación interposto polo Concello de Vigo contra a sentenza que anulaba o decreto municipal mediante o que se suspendían os descansos do persoal de bombeiros, e validou o contido desa sentenza.

Segundo a resolución do alto tribunal galego, á que tivo acceso NoticiasVigo.es , o consistorio vigués recorreu a sentenza do xulgado contencioso administrativo número 1 de Vigo (ditada tras unha denuncia da CIG, pero que non é a única, xa que existe outra no mesmo sentido, porque o sindicato CUT tamén denunciou o decreto), alegando, entre outras cuestións, que non quedara probada a vulneración dos dereitos dos bombeiros.

Así, o Concello sinalou no seu recurso que a sentenza de primeira instancia “ocasiona un prexuízo ao interese público municipal” e incumpre a “regra de valoración da proba”. Tamén expuxo que o decreto que faculta ao xefe de servizo a suspender os descansos supón unha medida “temporal” para paliar o déficit de persoal.

En resposta a estes argumentos, o TSXG sinalou que a sentenza recorrida non é contraria a dereito, que a valoración da proba fíxose de forma correcta e que, en contra do que sostén o Concello, “non corresponde á sentenza apelada ofrecer solucións para a adecuada regulación do servizo municipal de bombeiros”.

O TSXG tamén lembra que, no decreto recorrido (de febreiro de 2019), non se especifica que a suspensión de descanso sexa unha medida temporal e que o propio contencioso administrativo detalla a vulneración de varias normas relativas á negociación deste tipo de medidas, aos tempos de traballo ou á prevención de riscos laborais.

O alto tribunal galego sinala que “non se cuestiona a necesidade do Concello de Vigo de dotar de efectivos” o servizo, ata completar os 20 mínimos establecidos, pero “o que non é correcto (…) é que se proceda sen máis a autorizar ao xefe de servizo de maneira xenérica a suspender os descansos do persoal”.

Cuestionado acerca desta sentenza, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, limitouse a dar por feito que os servizos xurídicos municipais xa terían coñecemento da mesma, pero eludiu pronunciarse. “Non vou facer valoracións”, resolveu.

O anuncio da querela

O Colectivo Vigo Sen Bombeiros anunciou esta mesma mañá que presentará unha querela criminal contra o Concello de Vigo por un presunto delito de prevaricación por entender que a propósito por parte da Concelleira de Seguridade, xefe de área de seguridade e o oficial do xefe de servizo de bombeiros, mantendo nun tempo unhas medidas en contra da saúde dos traballadores e a seguridade da cidadanía de Vigo. Neste senso, Miguel Ucles, delegado da CIG, denuncia que, a sabendas da súa ilegalidade, a concelleira de Seguridade, o xefe da área e o oficial xefe do servizo de bombeiros “están mantendo unhas medidas contra da saúde dos traballadores e que poñen en risco a seguridade da cidadanía”.

Ucles lembra que os bombeiros/as municipais de Vigo levan máis de ano e medio nunha situación laboral insostíbel pola falta de persoal suficiente, tendo que desenvolver o seu labor “en condicións escravistas”, realizando un continuado sobreesforzo e con dereitos fundamentais (como o de conciliación) vulnerados, ademais de sufrir un grave risco na súa saúde.

Con este novo revés xudicial na man, a representación da CIG agarda que o Concello mude de rumbo e asuma, dunha vez, a necesidade de abrir unha negociación para buscar unha solución urxente á “situación límite” que vive o corpo.

Bombeiros en folga

O servizo de bombeiros de Vigo está en folga indefinida (convocada por CIG e CUT) desde agosto do ano pasado, en demanda de máis persoal e de solucións para que poidan levar a cabo o seu traballo con garantías.

Ademais da sentenza do contencioso administrativo de Vigo relativa á suspensión de descansos, ese mesmo xulgado ditou unha resolución na que declaraba nulo o decreto dos servizos mínimos aprobado con motivo da folga.

Nese caso, o maxistrado advertiu de que os servizos mínimos coinciden cos ordinarios, o que “baleira de contido” o exercicio dun dereito fundamental, como é a folga.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.