O Centro de Formación Profesional Colegio Hogar Afundación prepara a décimo terceira edición da súa xa tradicional Semana Técnica, que se celebrará desde o vindeiro luns 10 de febreiro ata o venres día 14. Durante estes días, cada departamento do centro organizará unha serie de relatorios, exposicións e demostracións, levadas a cabo por recoñecidas empresas e grandes profesionais do ámbito industrial. O obxectivo é facilitar a incorporación ao mercado laboral e ofrecer unha visión clara e veraz da vida que lles espera aos futuros graduados fóra das aulas, así como ofrecerlles unha formación técnica complementaria á curricular que lles poida ser útil para a súa carreira profesional. Esta iniciativa pon de manifesto o compromiso do centro por ofrecer unha formación de calidade humana e técnica, onde escola e empresa teñen que colaborar para formar aos técnicos do futuro.
A edición deste ano celebrarase baixo o lema «Sentirse na empresa coma na casa» para poñer de manifesto a imprescindible e proveitosa relación que debe unir ao ámbito educativo co empresarial. Desde Afundación, a Obra Social de ABANCA, refórzase este nexo a través da educación superior, mediante IESIDE e os seus centros de Formación Profesional. Esta última estase a consolidar como unha opción educativa de alto potencial para a sociedade, xa que propicia que estudantes e empresas entren en contacto desde estadios moi temperáns do período formativo, o cal favorece o coñecemento das necesidades mutuas e facilita o establecemento de vías de
comunicación fluídas e directas. A suma destes factores contribúe a unha maior empregabilidade dos estudantes: durante o ano 2019, 136 compañías colaboraron co Colegio Hogar Afundación mediante convenios de prácticas cos que se formaron 165 estudantes, dos que 100 foron contratados ao finalizar.
Esta boa relación co sector empresarial vólvese poñer de manifesto nesta XIII Semana Técnica co desenvolvemento dun total de 56 actividades durante toda a semana.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.