O Colexio Castro-Mos idea “O patio que soñamos” que será un soño feito realidade

O proxecto pretende mellorar a convivencia entre o alumado no espazo de recreo exterior do centro educativo
Publicado por o día 27/05/2018 na sección de Galicia,Mos

O Colexio Castro-Mos idea “O patio que soñamos” que será un soño feito realidade

Unha representación do alumnado (de Educación Infantil e Primaria) e do profesorado do CEIP Mestre Martínez Alonso de Castro-Mos acudiu o pasado venres ao Concello de Mos para expoñerlle a alcaldesa, Nidia Arévalo, e aos concelleiros/as de Educación, Camilo Augusto, Participación Cidadá, Julia Loureiro, e Política Social e Cultura, Sara Cebreiro, o seu proxecto “O patio que soñamos”. Os representantes do centro educativo realizaron esta mañá unha interesante exposición apoiada en material audiovisual e gráfico, así coma paneis e planos de manufactura propia. Incluso deseñaron un logotipo propio para o proxecto, unha nube de estilo naíf, coa que elaboraron o seu propio merchansing: gorras… etc.

Trátase dun Proxecto Documental Integrado polos equipos de Dinamización da Lingua Galega, Dinamización de Biblioteca, Actividades Extraescolares e Convivencia, que naceu durante o presente curso académico 2017/2018 para dar resposta á formación recibida no Plan de Formación Permanente do profesorado do centro en materia de educación, convivencia e creatividade.

Mediante este proxecto o equipo integrante de “O patio que soñamos” realizou unha análise do patio de recreo do Colexio Castro-Mos como espazo no que, ao igual que en todos os centros educativos, se producen conflitos entre o alumnado. Para evitar e mellorar a resolución dos devanditos conflitos deseñaron unha proposta de modificación física dos espazos recreativos exteriores mediante a inclusión de novos elementos que mestres, alumnos/as e pais/nais de alumnos/as consideran que mellorarían en moito dita convivencia.

Realizaron enquisas nas que participou toda a comunidade escolar, extraendo das mesmas conclusións moi construtivas. A proposta valorada que naceu froito deste estudo previo, que lle foi entregada aos representantes municipais esta mañá, inclúe a colocación no patio exterior de Educación Infantil de cabanas de madeira na zona verde, unha cociña de xoguete ao aire libre, presas e balanzas, un tobogán e a creación dun recuncho da arte e doutro con tubos e area. Por outra banda no patio de Educación Primaria quérese colocar unha mesa de Pin-pon e crear un recuncho artístico creativo, outro de teatro, de música, de convivencia, de lectura ao aire libre e descanso, e multideporte; e instalar unha pista de xogos (na que se pintaría no chan a clásica raiola ou “mariquitilla”, etc.) e mellorar a horta xa existente.

Todos os elementos que non quedarían fixos nos patios, que son a maioría, serían diariamente colocados e retirados directamente polos integrantes da comunidade escolar, organizando grupos para turnarse periódicamente nesta tarefa.

O Colexio Castro-Mos é un centro educativo moi concienciado coa importancia da convivencia pacífica e no fomento da resolución de conflitos e mediación entre iguais. De feito teñen creado un grupo de alumnos-mediadores que realizan dita función cando surxen problemas entre escolares no patio, sempre baixo a supervisión de adultos docentes.

Tras pedir a colaboración do Concello neste proxecto e obter a resposta positiva da rexedora local, Nidia Arévalo, o seguinte paso a dar será o vindeiro martes 29 de maio a visita de representantes municipais ao centro para ver in situ as diferentes maquetas dos distintos espazos deseñados e confeccionadas polo propio alumnado. Dado que o orzamento necesario para levar a cabo este proxecto é relativamente económico, comezarase a acometer o mesmo por parte da administración local antes de que remate o presente curso, realizando o groso da actuación de cara a o vindeiro curso escolar 2018/2019.

As profesoras que esta mañá acudiron ao Concello para presentar “O patio que soñamos” destacaron a notable implicación en materia de educación da administración local e pola súa banda a alcaldesa eloxiou “o incrible e profesional traballo realizado por todo o equipo, -tanto mestres como alumnos/as-, integrante deste proxecto tan interesante, positivo e construtivo que demostra o moito que podemos facer, cambiar e mellorar economizando recursos e sen necesidade de realizar inversións astronómicas”. “Os membros de “O patio que soñamos” son un verdadeiro exemplo para a sociedade mosense, tanto nenos/as como adultos”, concluiu Arévalo.