O Colexio de Xornalistas expresa a súa preocupación pola situación laboral en La Voz de Galicia

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia expresa a súa especial preocupación pola situación laboral que se vive en La Voz de Galicia e transmite a súa solidariedade ao persoal logo de que a empresa presentara o plano de reestruturación que prevé despedimentos e recortes salariais.

A finais do pasado ano, La Voz de Galicia presentou un plano de reestruturación que contempla a integración das redaccións de papel e dixital, unha baixada salarial e a saída de 60 empregados mediante baixas incentivadas ou despedimentos. Mentres se producían as conversacións sobre este plano entre a empresa e o comité, a Corporación Voz decidiu despedir a seis persoas das delegacións da Coruña, Santiago de Compostela e Lalín, o que provocou paros o pasado xoves 10 en todas as delegacións de La Voz de Galicia. Ao día seguinte, eran despedidas outras dúas en Lugo e Monforte.

Como xa ten expresado o Colexio de Xornalstas en numerosas ocasións, a precariedade laboral e a redución de persoal nun medio de comunicación redundan claramente nunha perda de calidade da información e nun deterioro do xornalismo que se ofrece á sociedade. No caso da Corporación Voz de Galicia, estas medidas propostas súmanse ás rebaixas salariais e baixas que xa sufriu o persoal nos últimos anos, e a peches de medios do grupo como o de V Televisión.

A crise do xornalismo impreso e o impacto económico da falta de lectores non poden resolverse con menos xornalistas e menos xornalismo. Cómpre facer unha aposta pola calidade fronte a irreflexión e a inmediatez nas que podería derivar unha revolución dixital mal xestionada. E para realizar unha información propia, rigorosa, diferenciada e contextualizada é preciso manter os cadros de persoal e non deteriorar as condicións nas que traballan os profesionais. A práctica contraria, a dos recortes nas redaccións e a replicación de informacións superficiais, aplicada por numerosos medios, tense mostrado incapaz de garantir a pervivencia nin do xornalismo nin dos xornalistas.

Por todo isto, polo futuro da profesión e para garantir a información necesaria para unha sociedade libre e plural, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia expresa a súa preocupación pola situación actual de La Voz de Galicia e solidarízase co persoal nas súas reivindicacións.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM