O Colexio de Xornalistas lamenta os despedimentos en El Progreso e alerta dos perigos do abandono informativo en Lugo

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lamenta profundamente os trece despedimentos producidos no día de onte no Grupo El Progreso de Lugo e solidarízase cos traballadores afectados. Así mesmo, fai un chamamento para evitar o progresivo desmantelamento de medios na provincia de Lugo.
Por o 13/04/2019 | Sección: Cultura

No día de onte, foron despedidos trece traballadores do Grupo El Progreso de Lugo, gran parte deles xornalistas. Deste xeito, reducíase o cadro de persoal do grupo de comunicación máis importante da provincia de Lugo, que xa fora afectado por outros despedimentos nos últimos anos.

Pero a destrución do emprego en Lugo non se limita só a estes casos. A semana pasada, pechaban Radio Mariña e Radio Faro, vinculadas á Radio Lugo – Cadena Ser, a cuxos traballadores o Colexio de Xornalistas quere expresar tamén a solidariedade e apoio.

O baleirado da oferta informativa en Lugo non é máis do que outro chanzo no desmantelamento do interior do noso país. As zonas menos poboadas, rurais ou periféricas só terán futuro se teñen acceso a unhas oportunidades mínimas, entre as que se atopan as posibilidades de emprego, tamén para os xornalistas, e o acceso a todos os dereitos básicos, tamén ao de seren informados.

O Colexio de Xornalistas apela á responsabilidade de administracións, empresas informativas e sociedade en xeral para tomarmos medidas que impidan a fin da oferta informativa e, de forma máis xeral, a falta de oportunidades no interior do país. Se Lugo se converter nun ermo xornalístico, o abandono será irreversíbel.

Comentar noticia

Your email address will not be published.