O Colexio Oficial de Traballo Social demanda ao Concello de Vigo que a bolsa de traballadores sociais cumpra o ratio de profesionais que marca a lei

Publicado por o día 22/01/2015 na sección de Vigo

O Colexio Oficial de Traballo Social demanda ao Concello de Vigo que a bolsa de traballadores sociais cumpra o ratio de profesionais que marca a lei

– Capeáns anima á colexiación a seguir solicitando melloras materiais e humanas nos servizos sociais 

A Presidenta do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, Marta Capeáns, vén de felicitar ao persoal do Departamento de Benestar Social do Concello de Vigo por ter conseguido, “a través da reivindicación, a demanda, a mobilización e a suma de esforzos co Colexio” que se anunciara a contratación de persoal mediante a reactivación dunha bolsa de diplomados e diplomadas en Traballo Social destinada á contratación de interinos. A Xunta de Goberno Local adoptou esta medida o pasado día 16, e cursou efecto o domingo 18 ao ser publicada, cun prazo de presentación de cinco días hábiles. Neste sentido, Capeáns, insta ao Concello de Vigo a que a bolsa “sexa efectiva en contía e persoal interino contratado, demandando que cumpra o ratio de profesionais en función da poboación que marca a lei, que neste caso serían de 17 máis”, para conseguir un correcto funcionamento dos servizos sociais, agora en situación de colapso.

Os e as traballadoras sociais veñen denunciando durante varios meses a situación de extrema precariedade e desamparo na que se atopan as persoas usuarias deste servizo en Vigo, como consecuencia da falta de recursos, tanto materiais como persoais, o que provoca na práctica “situacións de vulneración de dereitos e de indefensión, coa conseguinte anguria das persoas usuarias debido á falta de expectativa de resolución dos problemas”, indica a Presidenta. En palabras de Capeáns, “non é razoable que solicitudes de prestacións de primeira necesidade tales como RISGA, dependencia ou axuda a domicilio teñan como media na primeira cita para facer unha valoración a friolera de 43 días, e xa non digamos a propia tramitación, que son meses”. A máxima representante do COTSG alerta de que as traballadoras sociais son que as poñen de relevo a falta de cumprimento legal dos prazos establecidos na lei 10/13 de 27 novembro de Inclusión Social de Galicia.

O persoal do Departamento de Benestar co Concello de Vigo vén alertando desta situación dende hai tempo, dende un escrito á Alcaldía o día 16 de maio do ano 2014 pondo en coñecemento da situación, pasando por meses de mobilizacións, reunións co Comité de Empresa do concello, co concelleiro delegado de Persoal e denuncias formuladas ante o Valedor do Pobo e a Dirección Xeral de Inspección de Traballo e Seguridade Social. Dende o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia vense prestando cobertura neste problemática de saturación, recollendo as denuncias por parte da colexiación de Vigo, difundindo por medios de comunicación a situación de colapso dos servizos sociais, así como mantendo unha reunión o día 2 de xullo de 2014 con concelleiro da Área de Seguridade, Mobilidade e Xestión Municipal, Carlos López Font, coa finalidade de facilitar a contratación con propio persoal do COTSG, enviando propostas concretas e asesoramento para a realización de contratacións.

COLEXIO OFICIAL TRABALLO SOCIAL DE GALICIA

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia nace para ser un instrumento de comunicación, información, documentación e prestación de servizos, tanto para as traballadoras e traballadores sociais como para a cidadanía. Como representante da profesión en Galicia, o Colexio asume un gran compromiso, non só coas persoas colexiadas, senón co conxunto da sociedade galega: traballar en prol duns servizos sociais públicos e de calidade, accesibles para o conxunto da poboación. No ámbito interno, o Colexio vela pola boa práctica profesional e polo cumprimento do código deontolóxico;cara ao exterior, e como representante do colectivo especializado na acción social, asume un papel activo como axente do cambio social. Este compromiso é o alicerce sobre o que se fundamenta a labor do Colexio, apoiando ás traballadoras e aos traballadores sociais no seu labor, por medio da formación, do asesoramento e da colaboración como fórmulas de desenvolvemento profesional, para contribuír ao logro dos obxectivos en materia social da nosa profesión. Igualmente o Colexio terá como un dos seus cometidos principais a defensa do usuario de servizos sociais, e a loita pola conservación dos dereitos conquistados nas últimas décadas a través da ampliación do Estado de Benestar. A día de hoxe o COTSG conta con preto de 3.000 persoas colexiadas.

PRENSA COTSG