O comercio de Ponte Caldelas bate records na campaña de Nadal e esgota os 20.000 boletos dispoñibles

A asociación Coempo e o Concello entregaron os agasallos aos 68 clientes premiados, procedentes de ata sete concellos distintos
Publicado por o día 09/01/2019 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

O comercio de Ponte Caldelas bate records na campaña de Nadal e esgota os 20.000 boletos dispoñibles

Mercar en Ponte Caldelas ten máis premio que nunca. Os 68 clientes premiados durante a campaña de dinamización polo Nadal recolleron onte os seus agasallos, pechando así un mes de intensa promoción do comercio local.

A campaña consistiu na entrega de boletos para un sorteo de 8 vales dunha fin de semana nun complexo termal da illa da Toxa e 60 lotes de xamón e viño, ademais de xamoneiro e coitelo. A promoción, a máis potente dos últimos anos, cubriu o período entre o 1 de decembro e o 6 de xaneiro e contou coa organización conxunta de Coempo e o Goberno local caldelán (PSdeG-PSOE, AVP e BNG).

Ao acto de entrega, celebrado onte no local da rúa de González Besada, asistiu o alcalde, Andrés Díaz, e a directiva dos comerciantes, encabezada por Suso Peleteiro, xunto cos directivos Diego Rodríguez, Roberto Ricón, Alberto Romero e Gloria Suárez.

Os resultados deste ano foron espectaculares, pois esgotáronse os 20.000 boletos postos en circulación, un fito que fai pensar na necesidade de amplialos para os anos vindeiros. Ademais tamén quedou claro o poder de atracción do comercio local caldelán, pois entre os premiados houbo xente de Pontevedra cidade, Marcón, Sanxenxo, Marín, Seixido e Xesta (A Lama), A Lama centro, Augasantas (Cerdedo-Cotobade), Fornelos de Montes e mesmo un premiado de Santiago de Compostela.

Por outra banda, o deseño da campaña fixo posible que a totalidade dos establecementos asociados a Coempo repartiran algún premio, polo que a sorte estivo especialmente repartida e entre os premiados non faltaron caras coñecidas.

Andrés Díaz destacou o esforzo constante de promoción do comercio local que fai Coempo e recalcou o valor engadido que supón a colaboración permanente co Concello, unha alianza que permite unha programación estable ao longo do ano e reforza ao tecido empresarial, que é o mesmo que reforzar a Ponte Caldelas.