Os concellos de Arteixo, Viveiro e Xinzo de Limia deberán adoptar o chamado modelo Carballiño de medidas restritivas á vista dos seus datos epidemiolóxicos. Así o anunciou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na rolda de prensa na que se informou das medidas adoptadas na última xuntanza do comité clínico.
Segundo explicou Comesaña, a situación destes concellos, cun número importante de habitantes (máis de 10.000) e cunhas incidencias acumuladas excepcionalmente altas, fixeron necesario pedirlle un esforzo adicional aos seus cidadáns. O secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes Losada, indicou que, con esta medida, quedará pechada nos tres municipios calquera actividade non esencial, así como toda a hostalería, que só poderá ter servizo de recollida e de reparto a domicilio. Tamén pecharán os ximnasios, establecementos de xogo, bibliotecas e as actividades culturais.
Pola súa banda, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, quixo facer fincapé en que aínda é cedo para poder ver resultados das medidas adoptadas a semana pasada, xa que debe pasar, polo menos, un ciclo epidemiolóxico (14 días) para que os cambios sexan perceptibles. Destacou, así mesmo, o aumento de cribados para a detección precoz de casos, como os que se van facer nos vindeiros días en diversos concellos, como Vimianzo, Camariñas, Outes e Vilalba. O Sergas conta para estes cribados con distintas ferramentas como as PCR nasofarínxeas, as de saliva e os test de antíxenos.
Na xuntanza do comité tamén se tratou o tema do deporte federado. Neste senso, decidiuse suspender toda competición deportiva autonómica, mentres que os adestramentos terán que ser individuais ou como máximo de catro persoas e adaptándose aos peches perimetrais e ao horario do toque de queda. A competición de ámbito estatal si que se mantén.
Ademais, analizouse a situación das terrazas dos establecementos de hostalería en Galicia, que, na actualidade, teñen un aforo permitido do 50%. A partires de agora haberá que identificar, de xeito claro, unha de cada dúas mesas como non utilizables, e mantendo sempre o número máximo de catro persoas por mesa.
Todas estas medidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia esta mesma tarde e entrarán en vigor o xoves ás 00,00 horas.
Situación preocupante
O conselleiro de Sanidade definiu a situación actual como “preocupante” e “de claro crecemento”. Aínda así, mostrou a súa confianza en que as medidas adoptadas comecen a dar resultados, incidindo en que hai xa experiencias previas que demostran que si funcionan.
Neste mesmo sentido se pronunciou o xerente do Sergas, José Flores, quen destacou que este crecente número de casos incide tamén aumentando a presión en todos os niveis asistenciais. Flores recoñeceu que o que máis preocupa é a hospitalización convencional e a de críticos. No referente á hospitalización convencional, rexistrouse un incremento dun 58% nos últimos días, e con especial presión nas áreas sanitarias da Coruña e Cee; Ferrol; e Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras. En canto ás unidades de críticos, o aumento é do 68%, sendo as áreas máis afectadas a da Coruña e Cee; Santiago de Compostela e Barbanza; e a de Ferrol.
Aínda que lembrou que a capacidade do Sergas pódese multiplicar e que os hospitais están a aplicar xa, dende a semana pasada, os plans de continxencia, o xerente destacou que, nos últimos 10 días, estase a ver un aumento preocupante da actividade relacionada coa covid-19.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.