O Comité da COVID da Deputación inicia o proceso da desescalada e reafírmase no consenso e o traballo coordinado como o mellor camiño na provincia

Goberno e oposición concordan na necesidade de traballar conxuntamente cun calendario coordinado, ademais de explorar novos acordos cara aos concellos
Publicado por o día 06/05/2020 na sección de Deputación de Pontevedra,Coronavirus,Salud,Sanidad

O Comité de Seguimento da COVID-19 na Deputación de Pontevedra, no que participan o Goberno, a oposición e os altos cargos dos departamentos de Secretaría e Intervención, acordou hoxe iniciar a planificación dos traballos de desescalada na institución provincial e, por outro lado, estudar novos acordos cara ás necesidades a corto, medio e longo prazo nos concellos da provincia.

A presidenta provincial, Carmela Silva, acompañada do vicepresidente, César Mosquera, e do deputado Carlos Font, coincidiu co portavoz do PP provincial, Jorge Cubela, na necesidade de consensos na corporación. Tanto Silva como Cubela insistiron na súa vontade de traballo conxunto e en manter a liña de acordo. “Estamos en momentos onde as certezas son poucas e todas e todos debemos escoitar”, dixo a presidenta provincial. De feito, ambos os dous non descartaron explorar novos acordos cara aos concellos a fin de cubrir as actuais carencias e aquelas novas que poidan aparecer por consecuencia das crises sanitaria e económico-social xeradas pola pandemia.

Nesa liña de traballo xa se está a avanzar na modificación do Plan Concellos, obxectivo que xa lles anunciou a presidenta ás alcaldesas e alcaldesas da provincia, para poder destinar unha porcentaxe da Liña 1 de Investimentos tanto á Liña 2 coma á Liña 3 de Emprego, así coma a outras necesidades que teñan os concellos, sempre que estean dentro das súas competencias. Neste sentido, esta modificación levaría engadida a ampliación dos prazos e a concesión de permisos aos concellos para modificar as peticións de obras xa realizadas. “O obxectivo”, dixo Silva, “é levar esta modificación ao pleno deste mes de maio”, pleno que será novamente telemático, segundo se acordou con todos os grupos políticos.

Por outra banda trabállase tamén na modificación do orzamento, que se trataría no pleno no mes de xuño. Para isto estanse a avaliar aqueles programas de todas as áreas da Deputación de Pontevedra que, polas súas características, supoñan afluencia de persoas e de relacións interpersoais co fin de decidir a conveniencia de que se realicen. “Queremos ser tremendamente prudentes”, remarcou Carmela Silva. “Non podemos baixar a tensión acelerando cousas que non sabemos aínda se se van a poder levar a cabo. Temos que ter cautela e ser moi responsables”.

Polo demais, a presidenta deu conta da planificación interna da desescalada no seo da Deputación de Pontevedra. O Comité, en estreita colaboración co servizo de Prevención de Riscos Laborais, leva semanas traballando no deseño da volta progresiva á “nova normalidade” na institución provincial. En principio, a reincorporación das 550 persoas que fan teletraballo farase de maneira gradual, con quendas que alternarán o traballo presencial co remoto. Quedarán exentas, nunha primeira fase, as que teñan diabetes, enfermidades cardiovasculares, inmunodepresión ou doenzas pulmonares, as embarazadas, as persoas maiores de 60 anos e as persoas en tratamento por cancro.

Para a redistribución, a Deputación está a planificar á instalación de elementos de separación nas distintas dependencias. Xa están adquiridos 144 paneis que se instalarán en boa parte das oficinas provinciais dos diferentes servizos e sedes. Paralelamente, estase a facer un estudo polo miúdo de todas as oficinas para reorganizalas garantindo a separación de dous metros e a valorar a colocación de paneis de vidro onde non sexa posible. Estas separacións tamén se instalarán naquelas dependencias en que sexa necesario para garantir a seguridade do persoal. Como complemento, substituiranse os dispositivos dixitais para fichar por outros de tarxeta e, finalmente, limitarase o uso do ascensor, dándolles prioridade ás escaleiras.

Nesta primeira fase da desescalada, a Deputación vaille seguir dando preferencia á atención á cidadanía por medios telemáticos e telefónicos. Aínda así, para os procedementos que requiran de atención presencial estase xa a traballar en todas as medidas de seguridade: pantallas de separación, sistema informático de citas previas, carteis con indicacións, diferentes sentidos de circulación das entradas e saídas e permanencia limitada nas dependencias provinciais non superior aos 15 minutos, ademais de reforzo de elementos de hixiene e desinfección. A instalación de arcos de medición de temperatura nalgúns accesos será unha das medidas máis visibles. Estes dispositivos estarán nas entradas ao Pazo provincial, o Edificio Administrativo, a sede de Turismo Rías Baixas, as oficinas centrais do ORAL e a sede da Deputación en Vigo. As medicións de temperatura serán manuais no acceso ao Centro Príncipe Felipe e no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.

En canto á obtención de máscaras de protección, a Deputación dispón xa dunhas 140.000 unidades, das que 132.750 son hixiénicas dun só uso, 23 son FFP1, 3.057 son FFP2 e 220 son artesanais, elaboradas no Príncipe Felipe. A día de hoxe están entregadas unhas 20.000 e as restantes 120.000 almacenáronse para atender as necesidades dos próximos 6 meses, dado que se calcula un consumo dunhas 20.000 mensuais. A Deputación agradece especialmente a doazón de Inditex, que achegou 100.000 máscaras hixiénicas. A maiores, adquiriuse material de protección entre o que destacan mandís de polietileno, gafas, pantallas faciais, luvas (17.050 unidades) e buzos dun só uso, así como 540 litros de produto antiséptico.

A relación de medidas de precaución adoptadas polo Comité de Seguimento compleméntase coas instrucións á empresa de limpeza para que extreme a hixiene con novos protocolos específicos, prestando especial atención aos elementos máis perigosos como vectores de transmisión do virus, á limpeza dos filtros de aire e de ventilación e á correcta xestión dos residuos.