O comité de Alcoa-San Cibrao insta a empresa a retirar as medidas anunciadas e agardar á mesa multilateral do vindeiro martes

A representación do persoal esixe a implicación da Xunta de Galicia e do Ministerio de Industria para garantir a continuidade da actividade industrial e dos postos de traballo
Publicado por o día 04/06/2020 na sección de CC.OO,Protestas,Sindicatos

O comité de Alcoa-San Cibrao insta a empresa a retirar as medidas anunciadas e agardar á mesa multilateral do vindeiro martes

O comité de Alcoa-San Cibrao reuniuse este xoves coa dirección da empresa para abordar a situación da factoría. A representación do persoal instou a retirar as medidas anunciadas pola multinacional do aluminio e agardar á xuntanza, o vindeiro martes, da mesa multilateral.

Ao remate do encontro, o presidente do comité, José Antonio Zan (CCOO), afirmou que é na dita mesa «onde se deben solucionar os problemas». Con todo, o sindicalista constatou «falta de vontade de diálogo» por parte de Alcoa. «Onte, á pregunta do Ministerio sobre se queren seguir producindo aluminio primario, dixeron que “si”. Hoxe, cando lles preguntamos, as respostas foron esquivas», criticou.

Zan esixiulles ao Ministerio de Industria e á Xunta de Galicia que insten a empresa a levar a fábrica «ao mellor porto», e iso significa manter o 100 % da produción e dos postos de traballo. «Non poden parar as cubas, iso sería inviable», insistiu.

Por último, o presidente do comité de empresa reiterou a necesidade dun marco enerxético estable e competitivo para o sector das industrias electrointensivas, pero advertiu que deberá ir «avalado por unha serie de infraestruturas e investimentos que deban acometer todas as empresas que se queiran acoller a el».

Comentar noticia

Your email address will not be published.