O comité de Alu Ibérica esíxelle ao Goberno central que nomee un xestor para asegurar a viabilidade

Caravana de vehículos polo futuro da antiga factoría de Alcoa-A Coruña
Publicado por o día 29/05/2020 na sección de CC.OO,Protestas,Sindicatos

O comité de Alu Ibérica esíxelle ao Goberno central que nomee un xestor para asegurar a viabilidade

Unha caravana de vehículos percorreu este xoves varias rúas da Coruña en defensa do futuro de Alu Ibérica. Esta singular marchar realizou cinco veces o traxecto entre a factoría de aluminio primario e a Delegación do Goberno. Precisamente, o comité de empresa, presidido por CCOO, esixiulle ao Executivo central que nomee un xestor para asegurar a viabilidade da factoría.

A situación da antiga Alcoa-A Coruña é «de incerteza total», sinalan desde o comité de empresa. Tras a venda ao grupo investidor Parter, que a renomeou como Alu Ibérica LC, non se cumpriron os compromisos adquiridos en materias como investimento ou formación. Aínda peor, hai poucas semanas coñeceuse a venda ao Grupo Riesgo.

De feito, o pasado venres, 22 de maio, o comité de empresa realizou unha asemblea nas instalacións de Alu Ibérica e presentou unha denuncia na Inspección de Traballo instando a autoridade laboral a analizar o proceso de venda a Riesgo e determinar se hai unha xestión «desleal».

Críticas ao Grupo Riesgo

Pouco despois de rematar a caravana reivindicativa, o Grupo Riesgo emitiu un duro comunicado contra o comité de empresa de Alu Ibérica, mesmo ameazando con accións legais. Ante isto, a representación legal dos traballadores e das traballadoras lémbralle ao grupo empresarial que «non estamos no século XVIII. Temos dereitos e ímolos defender ata as últimas consecuencias».

Así mesmo, o comité repróchalles a Riesgo e Parter que «nos roubaron dez meses dun plan industrial e, en definitiva, do noso futuro». Lembran que nas duras negociacións que culminaron coa venda por parte de Alcoa a Parter, a representación do persoal logrou que a multinacional estadounidense consignara vinte millóns de euros para investimentos na planta coruñesa, pero «non se investiu un só euro. «Queremos o que nos roubaron, temos dereito a reclamalo e seguirémolo facendo»..

Comentar noticia

Your email address will not be published.