O Comité de Dirección Nacional de CCOO chama a mobilizarse en abril por pensións dignas e pola negociación colectiva

CCOO inicia a planificación dun proceso de mobilizacións en prol da negociación colectiva, que incluirá asembleas abertas, concentracións e manifestacións ao longo do mes de abril
Publicado por o día 23/03/2018 na sección de CC.OO,Sindicatos

O Comité de Dirección Nacional de CCOO chama a mobilizarse en abril por pensións dignas e pola negociación colectiva

O Comité de Dirección Nacional de CCOO de Galicia acordou na reunión do xoves, 22 de marzo, facer un chamamento á sociedade galega para mobilizarse o vindeiro mes de abril en defensa de pensións dignas.

Para CCOO, o 15 de abril debe ser unha nova xornada de grandes mobilizacións, xa que o sistema público de pensións é unha materia que afecta tanto as actuais persoas pensionistas como as que no futuro vaian cobrar estas prestacións.

De forma sutil pero constante, repítense argumentos que presentan como inevitable a suposta inviabilidade do sistema de pensións. A isto súmanse intereses claramente mercantís, apoiados «sen pudor» polo PP, critica CCOO.

O problema non está no sistema, cuxas necesidades futuras son coñecidas e previsibles; está, entre outras causas, na vontade de reducir o seu nivel de cobertura, o depauperamento das súas fontes de financiamento procedentes do mercado de traballo, o que debilita os mecanismos de distribución de renda nas empresas e na sociedade, agravado polo uso que, en ocasións, se fai da recadación destinando o diñeiro a outros fins para os que non estaba previsto.

Traballo digno, pensións dignas

CCOO defende que a principal garantía para unhas pensións dignas é o traballo digno. Por esta razón, as reivindicacións do vindeiro 15 de abril terán moitos puntos en común coas que a clase traballadora levará ás rúas só dúas semanas despois, co gallo do Primeiro de Maio.

Os lugares e horas destas mobilizacións serán anunciados proximamente por CCOO e UGT.

Negociación colectiva

O Comité de Dirección nacional acordou tamén comezar a planificación dun proceso de mobilizacións en prol da negociación colectiva, que incluirá asembleas abertas, concentracións e manifestacións ao longo do mes de abril nas que formulará a confluencia de distintos convenios e sectores. As principais reivindicacións serán a mellora dos salarios, a derrogación da reforma laboral, a loita contra a precariedade e a potenciación de aspectos relacionados coa igualdade nos convenios colectivos.