O comité de folga do aeroporto pide a mediación do alcalde Santiago e do delegado do goberno

Estudan demandar á dirección do Rosalía de Castro por vulneración do dereito fundamental a folga
Publicado por o día 23/09/2019 na sección de CIG,Galicia,Santiago,Sindicatos

O comité de folga do aeroporto pide a mediación do alcalde Santiago e do delegado do goberno

Representantes do comité de folga do aeroporto de Santiago, Rosalía de Castro, compareceron esta mañá en rolda de prensa para demandar a mediación do concello de Santiago –e nomeadamente do seu alcalde- e do delegado do goberno para que se abra unha mesa de negociación con AENA. Xunto a isto denunciaron as presións e ameazas a traballadoras e traballadores e mesmo ás empresas que operan na terminal compostelá, desde a dirección do aeroporto, para que non secundaran a xornada de paro convocada para o pasado venres.

En representación do comité de folga o seu portavoz, Pablo de Prado, explicou que desde os servizos xurídicos da CIG se está valorando a presentación dunha denuncia por vulneración do dereito fundamental á folga, por parte do director do Rosalía de Castro, Ricardo López Navarro.

Do mesmo xeito anunciou que xa está presentado un recurso contra os servizos mínimos abusivos decretados, que rondaron na maior parte dos casos o 100%. “Moi a pesar diso e de que AENA trate de vender que a folga non foi un éxito, na segunda xornada repetiuse o seguimento masivo da primeira” sinalou e recomendou que se comprobara como “pecharon as oficinas das compañías aéreas, Correos, as cafeterías de ‘Chegadas’ e de ‘Saídas’, a oficina de turismo, embalaxe de maletas, coches de aluguer, o servizo de limpeza e mesmo se sumaron desde a empresa Freire. Unha infinidade de empresas que operan no aeroporto nas que o seu persoal secundou a folga”.

Interpelación ao concello de Santiago

O comité de folga interpelou ao concello de Santiago, e nomeadamente ao seu alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, “para que interceda neste conflito” como xa fixo o delegado do goberno, Javier Losada, o propio venres. Neste sentido anunciou que o grupo municipal do BNG presentou esta mesma mañá unha moción de urxencia para que se trate este tema no vindeiro pleno, no que interviría unha representación do propio comité, para solicitar unha maior implicación do concello e que se propicie a apertura dunha mesa de diálogo.

O portavoz do comité lembrou que “AENA é unha empresa pública e que é o goberno quen pon e quita ao Presidente” e reclamou que “sentemos unha representación das traballadoras e traballadores do aeroporto, unha representación da empresa e unha representación do concello ou da delegación do goberno, para abordar a problemática que hai no aeroporto e darlle unha solución”. Xunto a isto anunciou que xa remitiron tamén un escrito ao delegado do goberno solicitando unha xuntanza, para que se sume á demanda de creación desa mesa.

De Prado denunciou que “os traballadores non poden pagar por vir traballar, non poden pagar por aparcar o coche, non poden pagar uns prezos abusivos para tomar un café ou para tomar un bocadillo, non se poden permitir pagar 15€. Teñen que pagar uns prezos normais como viña acontecendo até agora e acontece, de momento, mentres non nos pechen a cantina”.

Lembrou que van seis meses de mobilizacións, houbo xa dúas xornadas de folga e a día de hoxe “seguimos sen ter con quen falar, non hai ningún interlocutor”. É algo que, segundo explicou de Prado, para o persoal é “sorprendente”, máis cando “entendemos que a dirección do aeroporto de Santiago co seu director, Ricardo López Navarro á cabeza, é quen está detrás desta negativa a sentarse a traballar cos traballadores/as”.

Precariedade

Máis alá do conflito da cantina o portavoz do comité de folga denunciou a precariedade campante no aeroporto, onde hai persoal que para chegar a un salario de 1.000 euros ten dous e tres postos de traballo e mesmo se cambia de uniforme no aparcamento. “A esta precariedade incide máis AENA cos prezos abusivos que quere poñer na cafetería”.

Xunto a isto denunciou a “supresión encuberta, por parte de AENA” do servizo sanitario. O aeroporto de Santiago ten un servizo sanitario de 18 horas que non sempre se cobren porque, segundo de Prado, non se substitúen as baixas ou as reducións de xornada, o que obriga a recorrer ao 112 cando hai algunha urxencia, “gastando recursos e tempo do 061 cando podería atenderse no propio aeroporto de ter a pleno funcionamento ese servizo sanitario”. Por iso o comité de folga reclama que se manteña as 18 horas preceptivas, garantindo o persoal necesario.

Continúan as mobilizacións

Pablo de Prado lembrou que está convocada unha nova xornada de folga para este venres, de 04:30 horas a 10:30 horas, como as anteriores, pero “se vemos que non se fai nada para que este conflito se solucione teremos que debater sobre que facer para que se escoiten as nosas demandas”.

O portavoz do comité de folga subliñou que “todo o mundo entende que as nosas reivindicacións son de xustiza” e asegurou que “o que non alcanzamos a comprender é porque AENA non”.

Por iso concluíu que “o director actual do aeroporto de Santiago, no seu currículo terá a dubidosa honra de ser o primeiro director dun aeroporto que consegue unir a todo o persoal, de todas as empresas, en demanda de que se remate coa precariedade laboral e de que AENA deixe de xestionar a fame dos/as traballadores/as dos aeroportos e sente a falar con nós, porque somos nós quen sacamos o aeroporto adiante”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.