O comité de Vitrasa reclama o mantemento dos servizos hixiénicos para uso do persoal de condución

Remitiulle un escrito ao Concello de Vigo alertando da súa retirada inminente por parte da empresa
Publicado por o día 20/05/2020 na sección de Galicia,Sindicatos,Vigo

O comité de Vitrasa reclama o mantemento dos servizos hixiénicos para uso do persoal de condución

O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, vén de remitirlle un escrito ao Goberno local reclamando o mantemento dos servizos hixiénicos para uso do persoal de condución instalados durante o estado de alarma “debido á reapertura nun corto espazo de tempo dos locais de restauración”.

Dende a representación dos traballadores/as amosan a súa sorpresa polo feito de que a empresa lles obrigue “a ter que realizar as nosas necesidades en bares e cafeterías privadas coa obriga que con leva de ter que consumir ou ter que depender da boa vontade dos propietarios/as para facer uso das súas instalacións”. A maiores atópanse coa problemática da falta de servizos en determinados remates de liña onde non existen negocios.

Por iso lle reclaman ao Concello que permita a continuidade dos servizos instalados, instándoo ademais a colocar novos servizos nos lugares “que consideramos necesarios”. Segundo indican, Vitrasa xustifica a retirada aludindo a esixencias do Concello e a unha cuestión estética, polo que demandan a colocación doutro tipo de casetas mellor integradas no contorno. “Que mesmo se poderían autofinanciar co cobro a transeúntes ou coa colocación de publicidade”.

Lembran que existía un compromiso do ex concelleiro David Regades de instalar 10 baños para cubrir temporalmente as necesidades do persoal, “e xa co novo prego de condicións esixirlle á empresa a súa colocación en todas as cabeceiras de liña”.

Mamparas eficaces

Por outra banda, dende o comité demandan tamén do Concello que interceda diante da empresa para que substitúa as mamparas instaladas no posto de condución por outras máis eficaces, “xa que nos parece que as que se colocaron non son eficaces para evitar contaxios porque expoñen o persoal de condución de maneira directa dende varios ángulos”.

Tamén propoñen que a tarxeta moedeiro creada para evitar o pago en efectivo durante o estado de alarma pase a ser un método de pago máis “que mesmo se pode estender ás persoas que visitan a cidade, podéndose distribuír nos principais puntos de chegada de viaxeiros/as, lugares estratéxicos e incluso en estancos e en librerías”.

Finalmente, solicítanlle ao Goberno local que aclare se na na posíbel indemnización que percibirá a concesionaria polo descenso de viaxes durante o estado de alarma “se contempla que unha parte sexa destinada a sufragar a perda salarial que tivo que soportar o cadro de persoal como consecuencia do ERTE”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.