O Comité Educativo certifica que o sistema está preparado para o ensino virtual, con horarios-espello e aulas virtuais operativas e 30.231 docentes formados

Román Rodríguez insistiu en que a prioridade é manter o ensino presencial, cuxa seguridade está avalada polo Comité Clínico, pero subliñou a responsabilidade de estar preparados, de xeito preventivo, para a atención virtual por se a situación sanitaria o esixira
Publicado por o día 29/01/2021 na sección de Educación,Galicia

O Comité Educativo certifica que o sistema está preparado para o ensino virtual, con horarios-espello e aulas virtuais operativas e 30.231 docentes formados

O Comité Educativo vén de certificar, na súa reunión de hoxe, que a práctica totalidade dos centros educativos están preparados para o ensino virtual cos seus horarios-espello deseñados, as aulas virtuais operativas así como con case todo o profesorado formado.

Así se desprende dos datos de seguimento da implantación do Plan de Ensino Virtual elaborado co obxectivo de estar preparados de xeito preventivo en caso de que a situación epidemiolóxica requirira pasar da presencialidade á atención telemática, unha posibilidade que a día de hoxe está descartada logo de que o Comité Clínico avalara a seguridade dos centros escolares, onde non hai transmisión interna agás casos moi puntuais.

Logo dun chequeo dos centros escolares a cargo dos servizos de inspección, nestes momentos a meirande parte deles xa teñen elaborados e incorporados aos plans de continxencia os seus respectivos horarios-espello para garantir a continuidade da docencia en caso de corentenas.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, explicou esta mañá ante o Comité Educativo que “dos 1.226 centros públicos, só 26 teñen aínda pendente a adaptación de algunha materia, área ou módulo á docencia virtual”. Por iso, desde o departamento educativo xa se está traballando con todos eles para solucionar as posibles eivas detectadas e acadar canto antes que o cen por cen dos centros estean totalmente preparados.

O titular de Educación subliñou que durante este curso producíronse máis de 7,5 millóns de conexións a aulas virtuais, o que dá conta da dinámica de funcionamento destes sistema co que os centros xa están plenamente familiarizados.

Equipamento tecnolóxico

Así mesmo, cóntase cos equipamentos e materiais tecnolóxicos necesarios para, chegado o caso, optar polo ensino non presencial. A día de hoxe, segundo explicou o conselleiro, a Xunta dispón dun banco de 4.000 equipos informáticos en stock á disposición do alumnado que o precise, ao que hai que engadir outros 14.500 equipos que están pendentes de subministro por parte do Goberno do Estado a través de Red.es, e que se espera a súa chegada nas próximas semanas. No que vai de curso só foi preciso prestar 241 dispositivos.

No que atinxe á formación necesaria do profesorado para que o proceso de ensino-aprendizaxe en modo virtual se leve a cabo con todas as garantías, nestes momentos 30.231 docentes (22.175 deles xa acreditados) participaron nalgunha das case 1.700 accións formativas en competencias dixitais ofertadas pola Consellería.

Segundo Román Rodríguez, a preparación do sistema educativo galego é froito “dun importantísimo traballo de adaptación, cun sobreesforzo por parte do profesorado”, e asegurou que desde a Xunta se vai seguir dando o máximo apoio nesta tarefa.

Mellora do Plan de Atención a alumnado vulnerable

O conselleiro tamén someteu a debate do Comité Educativo unha proposta de traballo para mellorar a atención ao alumnado vulnerable en caso de confinamento, a través dun plan que será completado nos próximos días. O obxectivo é dispoñer dunha folla de ruta que permita poñer en marcha todos os recursos dispoñibles para lograr a mellora da atención a este alumnado.

O sistema educativo galego conta cunha ampla rede de preto de 4.000 profesionais especializados no ámbito da atención á diversidade, entre orientadores, especialistas en Pedagoxía Terapéutica, en Audición e Linguaxe, así como os profesionais de apoio e reforzo. A idea é, segundo explicou o conselleiro, “dispoñer dunhas instrucións e unha asignación de funcións claras para dar a cobertura axeitada a estes alumnos”.