O Complexo Hospitalario Universitario de Vigo conta xa cunha unidade de xenética e patoloxía molecular

Está integrada por recursos humanos e tecnolóxicos dos servizos de Análises Clínicas e Anatomía Patolóxica, aínda que está aberta á incorporación de máis especialidades
Publicado por o día 26/03/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

O Complexo Hospitalario Universitario de Vigo conta xa cunha unidade de xenética e patoloxía molecular

O Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) dispón xa dunha Unidade de Xenética e Patoloxía Molecular (UGPM). Nace para dar resposta ás necesidades cada vez máis esixentes no campo da xenética e a patoloxía molecular na área sanitaria de Vigo.

Trátase dunha unidade transversal multidisciplinar integrada en principio por recursos humanos e tecnolóxicos dos servizos de Análises Clínicas e Anatomía Patolóxica, pero que está aberta nun futuro á incorporación doutras especialidades. A Unidade de Xenética do CHUVI ten xa unha longa historia que comeza coa súa autorización formal no ano 2006. Pola súa banda, o Servizo de Anatomía Patolóxica foi incorporando á súa carteira de técnicas todas as determinacións de biomarcadores oncolóxicos que esixe a “medicina personalizada”.

Na recente Instrución 8/18 para a Ordenación de Probas Xenéticas no ámbito do Servizo Galego de Saúde, a Unidade de Xenética foi recoñecida polo Sergas como un dos tres centros de referencia da comunidade (CHUAC, FPGMX e CHUVI) para a realización de determinacións xenéticas, cun amplo ámbito de actuación. Ademais, a Instrución mencionada non impide á UGPM seguir avanzando nas análises xenéticamoleculares en tumores sólidos, é dicir, no estudo dos biomarcadores oncolóxicos.

Obxectivos

A creación dunha unidade transversal e multidisciplinar, dedicada á Xenética e a Patoloxía Molecular, servirá como plataforma para a potenciación no CHUVI da xenómica con implicacións asistenciais, sen descoidar as necesarias achegas que se poidan facer á investigación biomédica.

Permitirá racionalizar dunha maneira eficiente os recursos humanos e materiais destinados á realización de estudos xenéticos que viñan facendo en diferentes localizacións e servizos. Tamén facilitará a tarefa de afrontar, desde unha posición máis realista, o reto que supón a incorporación das novas tecnoloxías que se implantan neste campo.

Na actualidade realízanse no CHUVI máis de 5000 estudos xenéticos ao ano, incluíndo estudos de citoxenética clásica e molecular, xenética molecular, farmacoxenética, patoloxía molecular e biomarcadores, ademais da consulta de asesoramento xenético.

Amplas melloras

A curto prazo a UGPM permite incrementar a carteira de servizos sen adquirir equipamento adicional, ao ofertar as diversas tecnoloxías existentes neste momento en ambos os servizos a todos os integrantes da Unidade.

A medio prazo facilitará a incorporación de novas tecnoloxías emerxentes. A posibilidade de axuntar toda a carga de traballo nunha unidade multidisciplinar posibilita operacións de optimización de recursos, con descarte de equipamento actualmente duplicado.

Doutra banda, no momento actual no que a secuenciación de nova xeración (NGS) e outras tecnoloxías de altas prestacións estanse a implantar en moitos centros, refórzanse as opcións de incorporar estas novas tecnoloxías á UGPM.

A constatación do exponencial desenvolvemento da “medicina personalizada”, tamén
denominada “medicina de precisión”, fai aínda máis imperativo dispoñer dunha
estrutura altamente especializada e de calidade contrastada. Deste xeito poderán
achegarse os datos xenético-moleculares que permitan predicir nun paciente
determinado a resposta da enfermidade, sexa oncolóxica ou doutro tipo, antes de ser
sometido á terapia cos novos fármacos dirixidos a unha diana molecular.

Docencia

A Xenética Médica constitúe desde hai décadas unha especialidade en case a
totalidade da Comunidade Europea e no ámbito internacional. Por isto, é preciso
avanzar no desenvolvemento das capacidades técnicas e humanas que confiran o
marco idóneo de acreditación no CHUVI, unha vez se decrete a aprobación dun plan
de formación específico dentro do programa da troncalidade e novas especialidades,
seguindo os criterios da Dirección de Ordenación Profesional do Ministerio de Sanidad.
A Unidade de Xenética e Patoloxía Molecular do CHUVI reúne todos os requisitos
necesarios para converterse en Unidade docente.

Comentar noticia

Your email address will not be published.