A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe a importancia de que os distintos elos da cadea mar-industria traballen xuntos para mellorar a súa actividade e lembrou que o sector pesqueiro de Camariñas contou desde 2009 con preto de 15 millóns de euros de investimento para impulsar o seu labor e mellorar as súas infraestruturas. A titular de Mar destacou estas cifras durante a sinatura dun convenio de colaboración entre a confraría de pescadores de Camariñas e a Asociación Galega de Empresarios Depuradores de Moluscos (Agade) para a compravenda de produtos pesqueiros, un convenio que puxo como exemplo de como se pode mellorar a venda dos produtos do mar traballando unidos.
A representante da Xunta lembrou que as infraestruturas portuarias deste concello rexistraron importantes melloras nos últimos anos, con investimentos de máis de seis millóns de euros e actuacións como a segunda fase da ampliación do peirao de Camariñas. Mentres, a industria local de transformación e comercialización obtivo máis de tres millóns de euros en apoios para mellorar as súas instalacións.
A estas actuacións súmanse os proxectos dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP), que contaron con preto dun millón de euros en axudas, así como outros investimentos e proxectos de colaboración coas confrarías de pescadores como son a construción dunha nave de redes, cun investimento de máis de 230.000 euros, ou a modernización da descarga dos produtos pesqueiros, con preto de 50.000 euros de axuda.
Neste sentido, a conselleira do Mar incidiu en que Camariñas ten en marcha tamén importantes proxectos, como é o caso das obras de emerxencia previstas por Portos de Galicia na lonxa para facer fronte aos danos causados polos últimos temporais, cun orzamento de máis de 110.000 euros, ou o proxecto de acondicionamento e mellora da propia lonxa, que está a tramitarse cun investimento de máis de 280.000 euros. A eles súmanse tamén melloras na fábrica de xeo da lonxa de Camariñas por importe de máis de 100.000 euros.
Rosa Quintana destacou o importante traballo realizado nos últimos anos polo complexo mar-industria para impulsar a súa actividade pero remarcou que o sector ten marxe de mellora. “Sabemos pescar ben pero temos que vender mellor”, salientou, e explicou que iniciativas como a da confraría de Camariñas e a asociación Agade benefician a todas as partes implicadas e supoñen un exemplo para outras confrarías e asociacións.
O acordo subscrito favorece que a confraría poida vender mellor os produtos extraídos polos profesionais da entidade e permite que os depuradores poidan contar con produto para atender aos seus clientes, o que, ao mesmo tempo, dá valor aos recursos pois terán un prezo acorde coas poxas diarias que se rexistren na lonxa local.
Visitas a Camariñas e a Camelle
A conselleira do Mar aproveitou a súa asistencia á sinatura do convenio para comprobar o estado das instalacións da confraría de Camariñas e para coñecer de primeira man os traballos de mellora que se van facer no inmoble. Posteriormente desprazouse á confraría de pescadores de Camelle, no mesmo concello, onde estivo cos representantes da entidade para analizar a súa situación e escoitar as súas inquedanzas.
A lonxa de Camariñas poxou o ano pasado -con datos provisionais, non definitivos- preto de 4.200 toneladas de produtos do mar, o que sitúa o 2019 como o terceiro mellor ano desde 2009 en canto a mercadoría recibida. Esas vendas supuxeron unha facturación de case 4,4 millóns de euros. Mentres, no caso de Camelle, o balance provisional é de 13 toneladas descargadas e máis de 96.000 euros ingresados, a segunda maior facturación desde 2011.
Noticias de última hora en Vigo