O concelleiro adxudica as obras de mellora no polígono Lalín 2000 que comezarán a próxima semana

Taboada y Ramos acometerá a actuación por 72.270 euros, tras presentar a oferta máis vantaxosa dentro do concurso aberto
Publicado por o día 10/10/2018 na sección de Galicia

O concelleiro adxudica as obras de mellora no polígono Lalín 2000 que comezarán a próxima semana

O concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, anunciou hoxe que o Concello de Lalín vén de adxudicarlle á empresa Taboada y Ramos o proxecto de actuacións de mellora no polígono Lalín 2000, financiado con cargo a unha  achega da Xunta de Galicia para a “habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais”. Concretamente, as obras foron asignadas por un importe de 72.270,88 euros, a oferta máis vantaxosa dentro do procedemento de contratación aberto ao que concorreron 5 empresas. A intervención comezará a desenvolverse a semana que vén e deberá estar finalizada a día 15 de novembro, prazo máximo que concedeu  a Xunta de Galicia a todos os Concellos para ter rematadas e certificadas as actuacións efectuadas con cargo a esta orde de axudas que ao Concello de Lalín se lle concedeu tras denegárselle en 2016 e 2017.

Precisamente, Francisco Vilariño, incidiu no importante esforzo que foi preciso realizar dende o Concello de Lalín tanto por parte do persoal técnico, como da Concellería, para poder sacar adiante estas importantes obras debido aos “apretados” prazos do goberno galego para tramitar e executar estas axudas. “Os tempos que ofreceu a Xunta para xestionar esta subvención foron irrisorios” -afirma o edil- “polo que tivemos que realizar un gran esforzo para non perder a subvención, xa que a obra debe estar rematada, certificada e pagada a mediados do mes que vén”. Vilariño lembrou que o Concello de Lalín mesmo se veu na obriga de solicitar unha prórroga sobre o prazo de certificación das actuacións que finalmente a Xunta lle concedeu a todos os municipios beneficiarios ampliando, non obstante, de xeito escaso esta marxe ata o próximo 15 de novembro.

Francisco Vilariño lembrou que as actuacións que se van executar no parque empresarial foron pactadas co empresariado atendendo ás súas principais demandas e trasladadas a través da Asociación de Empresarios de Deza (AED). Os fondos investiranse na reordenación de varias isletas situadas no  polígono, xa que o seu actual deseño dificulta o paso de camións de gran tonelaxe, que son incapaces de circular sen invadilas, motivo, ademais, polo que se atopan moi deterioradas. As glorietas serán substituídas por outros elementos que permitirían o paso de camións con comodidade e sen necesidade de realizar complexas maniobras. Por outro lado, realizaranse importantes traballos de reparación nas beirarrúas que se atopan en mal estado e mellorarase a sinalización en todo o recinto empresarial.

O responsable de Obras do Concello fixo fincapé na necesidade de acometer estas actuacións no Polígono Lalín 2000 “a través dun proxecto que redundará en grandes beneficios para o tecido empresarial e polo tanto para o conxunto da economía local”. Vilariño insistiu no “compromiso por parte do Concello de manter en perfectas condicións o parque empresarial máis importante de Lalín onde traballan centos de veciños e así facilitar na medida do posible a actividade económica industrial no noso municipio”.