O concelleiro de Cultura subliña a “calidade e prestixio” do Outono Lírico 2018

Cayetano Rodríguez participou este luns na presentación da programación xunto aos responsables de Amigos da Ópera. O goberno de Vigo coopera cun evento que trae á cidade as representacións de “Macbeth” e “O holandés errante”, ademais dun ciclo de conferencias e a proxección de dous filmes con entrada de balde.
Publicado por o día 03/09/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O concelleiro de Cultura subliña a “calidade e prestixio” do Outono Lírico 2018

O edil de Cultura asegurou que o Outono Lírico destaca pola súa “calidade, prestixio e recoñecemento” en ámbitos nacionais e internacionais, ocupando espazo na prensa especializada. Rodríguez eloxiou a “singular transcendencia” do programa dentro do panorama cultural vigués e avanzou o “compromiso de apoio permanente” do goberno de Vigo.

Os protagonistas desta edición do Outono Lírico serán “O holandés errante”, de Richard Wagner, que abrirá a programación o 29 de setembro, e “Macbeth”, a ópera de Giuseppe Verdi, que será representada o 4 de novembro, en ambos casos no Teatro Afundación, en García Barbón. En ambos casos, as entradas xa están á venda desde 15 euros, prezo reducido grazas ao apoio do Concello e do resto de patrocinadores, segundo subliñaron os responsables de Amigos da Ópera, que celebra este ano sesenta anos desde a súa fundación.

En paralelo, explicaron, a organización celebra un ciclo de conferencias de entrada gratuita que arrancan o 26 de setembro ás 20 horas, no teatro sala de concerto Afundación, cun relatorio do profesor da Universidade de Bayreuth, Enrique Gavilán, titulada “A maldición romántica: O holandés errante”. As tres seguintes terán lugar no centro social Afundación, tamén ás 20 horas, cos seguintes encabezamentos: “Do Tamberlick a Amigos da Ópera: a aventura da lírica en Vigo”, o 19 de outubro; “A propósito de Macbeth”, o 2 de novembro; e “A vida e arte de Hans Hotter: unha frecha no tempo”, o 6 de novembro.

Ademais, Outono Lírico complétase con cine, no Auditorio municipal do Concello ás 20 horas. A organización programa a proxección de “Pandora e o holandés errante” o 9 de outubro, protagonizada por Ava Gadner, e do filme “Macbeth”, dirixido por Orson Welles, o 23 de outubro. O público terá acceso de balde ao recinto ata completar aforo.