A Xunta de Goberno Local celebrada este venres deu luz verde ás normas que regulan o acceso ás oito escolas infantís municipais no próximo curso para un total de 620 prazas.
A presentación de solicitudes estará aberta do 9 ao 27 deste mes (a través do formulario que estará dispoñible en www.escolasvigo.org/reim a presentar presencialmente no rexistro xeral ou telemáticamente con firma dixital), o 15 de maio terá lugar a publicación das listas provisionais de admitidos, cos seis días posteriores para reclamacións e a publicación das listas definitivas, o 3 de xuño. A formalización da matrícula, entre o 8 e o 19 de xuño.
O Concello reserva un orzamento de 1.565.000 euros para o funcionamento deste ano das oito escolas infantís municipais: Saiáns (con 72 prazas), Bouzas (con 80), Tomás Alonso (78 prazas), Casco Vello (72 vacantes), Teis (82), Lavadores (76), Mestres Goldar (78) e Navia (82 prazas). Abel Caballero recordou a Fundación Amancio Ortega constrúe outra en Bembrive, que xestionará o Concello de Vigo.
Con residencia en Vigo, os solicitantes de novo ingreso poderán solicitar ata dúas opcións de escola, con horarios de mañá e tarde salvo en Saiáns, que ofrece dous horarios continuos. No tocante aos prezos, o alcalde indicou que un 42% do alumnado non paga nada por criterios de renda e que a subvención media ascende ao 82% do custo das prazas.
Autoxestión
Na sesión de hoxe, o goberno vigués aprobou tamén o procedemento do programa de autoxestión, 296.000 euros que o Concello achega aos centros públicos de Infantil e Primaria da cidade que xestionan directamente para afrontar actuacións de reparación e mantemento nos colexios. Esta partida engádese aos case que 600.000 euros que reserva o Concello de Vigo nos seus orzamentos deste ano para reparacións e mantemento nos centros educativos vigueses.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.