O Concello achega case 250.000 euros para actuacións e concertos de bandas, música clásica e corais

“Vigo, un mar de bandas”, “Aulas de Música” e “Outono Lírico” son algúns dos programas musicais que acollerá Vigo ao longo de todo o ano 2018 grazas ao apoio municipal. Abel Caballero valorou a implicación do Concello na “mobilización cultural” da cidade.
Publicado por o día 31/08/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Concello achega case 250.000 euros para actuacións e concertos de bandas, música clásica e corais

“Vigo é unha fábrica de música excepcional, así queda reflectido nos premios que reciben as nosas bandas en toda España, e esta mobilización cultural da cidade conta co apoio decidido do Concello, tanto nas actividades públicas como nas escolas de música”.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacou este venres a relevancia que ten a música na vida cultural da cidade e puxo en valor o apoio que o goberno local presta a todas as agrupacións, bandas, corais e outras formacións.

Neste sentido, o rexedor explicou que a Xunta de Goberno Local aprobou esta semana tres subvencións para diferentes actividades cun importe total de case 250.000 euros. Por unha banda, deu o visto e prace ao convenio de colaboración coa Federación de Bandas de Música populares de Vigo, para os programas “Vigo, un mar de bandas” e “Aulas de música” durante o exercicio 2018.

Cun importe de 170.000 euros, haberá un total de 90 actuacións por parte das nove bandas de Vigo (Unión Musical de Valladares, Escola de Música de Beade, Agrupación Musical Atlántida de Matamá, Unión Musical de Coruxo, Lira de San Miguel de Oia, Escola de Música da UVCD de Candeán, Unión Musical de Cabral, As Delicias do Caeiro-Cabral e Ateneo Musical de Bembrive).

Ademais, a Xunta de Goberno aprobou unha subvención de 50.000 euros coa asociación “Amigos da Ópera Vigo” para o programa “Outono Lírico 2018” e outra de 23.500 euros para a Fundación Coral Casablanca para o programa de concertos durante o exercicio 2018.