O concello activa este venres dúas novas redes de wifi público postas en marcha a través do plan Smart City Lalín

Instalaranse en fase de probas no Lalín Arena e na Biblioteca Municipal dando cobertura aos edificios e ao seu entorno
Publicado por o día 11/04/2019 na sección de Galicia,Lalín

O concello activa este venres dúas novas redes de wifi público postas en marcha a través do plan Smart City Lalín

O Concello de Lalín continúa dando pasos importantes cara a dixitalización do municipio e a mellora das  infraestruturas electrónicas co obxectivo de adaptar a vila aos novos tempos, mediante, entre outras medidas, a dotación de rede wifi aberta en lugares e edificios públicos. Este servizo iniciado anos atrás polo Goberno, aínda que de xeito bastante limitado, mellorará as súas prestacións e asentarase definitivamente grazas ao Plan Smart City Lalín incluído na estratexia cofinanciada  nun 80% por fondos FEDER mediante o POCS 2014-2020, Lalín Ssuma 21.

Esta proposta acolle dentro dos seus eixos vertebradores a posta en funcionamento de redes públicas wifi de acceso gratuíto e seguro a internet en edificios municipais e os seus entornos. Deste xeito, o Concello anuncia que mañá se activarán en modo de proba dúas novas áreas de conexión inalámbrica de alta velocidade abertas ao uso da cidadanía. Unha porase en marcha no Lalín Arena e a outra na Biblioteca Municipal. Estas redes actívanse esta fin de semana, entre outras cuestións, pola gran cantidade de actividades lúdico-culturais que vai albergar Lalín, como por exemplo a Feira do Cabalo, que reunirá moito público nos arredores do Arena e que polo tanto xa poderá probar as novas conexións. Unha vez testeado o servizo, activarase de xeito definitivo e estenderase a outros edificios e zonas públicas municipais como o auditorio.

O Concello anima aos cidadán a conectarse a partir de mañá ás novas redes de conexión inalámbrica que, ademais, proximamente, servirán para proporcionar a conectividade entre os os sistemas incluídos na Smart City e a súa plataforma central de control. Este proxecto tamén levará consigo unha mellora da seguridade no sistema de conexión inalámbrica que será moi potente e funcionará baixo o sistema “firewall”, que permitirá garantir a seguridade de todas as redes do Concello de Lalín.

O Plan Smart City Lalín suporá un salto moi importante na modernización tecnolóxica de Lalín. O proxecto foille finalmente adxudicado a Vodafone España por un importe de 223.257 euros e, ademais das redes wifi públicas, contempla a posta en marcha de sistemas de información e axuda ao estacionamento nas principais áreas de aparcamento públicas de Lalín, sistemas de cartelaría dixital,  ou a conversión das rúas Principal e Loriga nunha rúa intelixente.

Comentar noticia

Your email address will not be published.