O Concello adxudicou os voos a Valencia, Sevilla, Londres e París, que operarán dentro dun mes

Publicado por o día 21/06/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O alcalde estimou que sobre mediados de xullo poderían estar voando os avións de Air Nostrum entre Vigo e Londres, París, Sevilla e Valencia, toda vez que o concurso público xa está adxudicado.

En rolda de prensa, Caballero explicou que Valencia pasará a ser conexión anual ata 2020 con dous voos semanais entre novembro e febreiro e tres frecuencias semanais entre marzo e outubro para un total de máis de 60.000 prazas. Sevilla estará conectada coa cidade ata 2020 con dúas frecuencias semanais durante cinco meses.

No tocante ás internacionais, o Concello contrata a conexión con París durante dez semanas deste mesmo verán e sete meses de cada un dos dous próximos anos, con dúas e tres frecuencias por semana. Para Londres, Air Nostrum operará a conexión este verán e o goberno de Abel Caballero traballa para conseguir un voo anual coa capital.

Ademais, a promoción turística de Vigo contratada inclúe o vinilado do fuselaxe de avións, accións de comunicación a bordo, soportes publicitarios nos asentos e nos compartimentos de equipaxe, reportaxes na revista a borda, accións de newsletters online e nas redes sociais, revelou o alcalde.