O Concello alega ante un Plan que exclúe a Ribadumia das melloras para o transporte público

O Concello de Ribadumia solicita ser tido en conta no Plan de Transporte e asegurar a opción do transporte público para os nosos veciños.
Publicado por o día 26/02/2019 na sección de Galicia,Ribadumia

O Concello alega ante un Plan que exclúe a Ribadumia das melloras para o transporte público

O Concello de Ribadumia emitiu no día de onte as alegacións correspondentes ós proxectos de explotación de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada de clave XG600 a XG743 que se atopan en exposición pública.

Estas alegacións están centradas no caso omiso que dende a Xunta de Galicia se fixo ás aportacións presentadas por este Concello en diferentes momentos das xestións do Plan de Transporte. Deste xeito, o pasado mes de xullo mantívose unha reunión onde se expuxo claramente que Ribadumia ten un servizo de transporte moi deficiente que non cubre as comunicacións cos servizos para necesidades básicas como educación ou sanidade, poñendo de manifesto que, a día de hoxe, se manteñen as liñas de autobús tal e como estaban cando o hospital de referencia estaba en Pontevedra, sen facer ningunha modificación ó respecto cando o referente pasou a ser o Hospital do Salnés.

Isto foi exposto para ser tido en conta no novo Plan de Transporte, posto que a única parada que existía, e se mantén, cara ó centro sanitario do Salnés está na Ponte de Castrelo, nun dos extremos do Concello, co que os veciños das parroquias máis afastadas, como Lois, Leiro ou Besomaño, terían que desprazarse entre 8 e 10 km só para

coller un autobús que os desprace a un hospital que está a mesma distancia en transporte privado, ademais do tempo que deberían investir en percorrer o dobre de quilómetros.

A esto cabe engadir as inexistentes conexións con centros educativos de Educación Secundaria e Bacharelato situados en Vilagarcía ou Vilalonga, algo esencial para favorecer a formación dos veciños que así desexen desprazarse a eses centros, que agora mesmo se ven unicamente reducidas ós centros de Cambados ou Pontevedra, coas limitacións educativas que isto supón xa que, en principio, son menores que dependen de pais ou outros familiares para poder desprazalos.

Toda esta situación no servizo público de transporte supón un claro prexuízo para os veciños de Ribadumia nas opcións de achegarse a outras áreas, xa que, dentro da comarca, só terían conexión directa con Cambados, algo que se reflicte tamén na economía en xeral.

Así, nas alegacións presentadas exponse que o Concello de Ribadumia considera fundamental a existencia destas liñas de transporte público, tanto para o crecemento do municipio como para que os veciños de Ribadumia estean en igualdade de condicións respecto ós doutras áreas.