O Concello aplaude a declaración de ENIL do tramo rural do Gafos

O ámbito de protección vai dende o inicio do termo municipal até detrás da estación de autobuses.
Publicado por o día 03/04/2019 na sección de Galicia,Pontevedra

O Concello aplaude a declaración de ENIL do tramo rural do Gafos

A Concellaría de Medio Ambiente Natural aplaude a declaración de Espazo Natural de Interese Local (ENIL) do tramo rural do río Gafos (dende o inicio do termo municipal de Pontevedra até a estación de autobuses) declarado onte polo Consello da Xunta.

Á espera de recibir a notificación oficial por parte da Xunta de Galicia, o concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Oubiña destacou que esta declaración supón unha mellor e maior protección para ao río e a súa contorna natural, que o Concello xa viña facendo nestes últimos anos.

O empeño do Concello na conservación deste espazo natural vese agora reforzado e recoñecido con esta declaración que leva tramitando a administración municipal ante a Xunta dende ano 2008.

Os esforzos do Concello, en colaboración coa asociación Vaipolorío, céntranse no seu mantemento e limpeza, na canalización do saneamento en toda a súa canle, na reposición e reparación das “infraestruturas” de paso na senda do río, na conservación da súa flora e fauna, entre outras moitas actuacións brandas pero sensibles e necesarias que se fan no novo ENIL.