“O Concello aposta porque no 2030 estea acabado o corredor de AVE de Vigo a Lisboa”

Abel Caballero valorou este xoves a reunión celebrada o día previo co ministro de Infraestruturas portugués, Pedro Nuno de Oliveira Santos, “moi importante e moi eficaz” na que o alcalde trasladou o apoio ao tren rápido entre Lisboa, Porto e Vigo, que deixaría á cidade olívica no “centro” do eixo atlántico.
Publicado por o día 03/12/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

“O Concello aposta porque no 2030 estea acabado o corredor de AVE de Vigo a Lisboa”

Tratouse “dunha reunión moi cordial, na miña opinión moi importante e moi eficaz”, expresou este xoves Abel Caballero, quen ofreceu o seu apoio á liña de Alta Velocidade entre Lisboa e Vigo. O alcalde amosoulle ao ministro “a nosa satisfacción polo proxecto portugués e a nosa vocación de levar adiante a saída sur ferroviaria de Vigo en Alta Velocidade e levala ata a fronteira” co país veciño.

Os orzamentos xerais do Estado para 2021 recollen a elaboración dun estudo funcional de alternativas para a saída sur de Vigo. Caballero recordou que o tren entra por túnel ata Urzáiz e deberá continuar soterrado e saír á superficie unha vez pasado o casco urbano do Porriño e, desde aí, enlazar co territorio portugués.

“Neste momento”, indicou o rexedor vigués, “o Goberno de España tamén considera a saída sur e o AVE ata Portugal como unha prioridade e estamos en condicións de apoialo”, polo que manifestou que “o Concello aposta porque no ano 2030 estea acabado todo o corredor de Alta Velocidade desde Vigo ata Lisboa”.

Completar o eixo atlántico ferroviario uniría a capital lusa con A Coruña por Alta Velocidade, situando a Vigo no “centro” desde corredor. O alcalde puxo en valor a posición viguesa como estación de paso ata Madrid dos viaxeiros procedentes do norte de Portugal, como xa acontece actualmente no tránsito de vehículos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.