O Concello avanza na declaración do complexo dunar de O Vao como Espazo Natural de Interese Local

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este xoves o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto de decreto polo que se aproba o plan de conservación do Espazo Natural de Interese Local (ENIL) Complexo Dunar e Areal do Vao-Baluarte no Concello de Vigo.
Publicado por o día 23/07/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Concello avanza na declaración do complexo dunar de O Vao como Espazo Natural de Interese Local

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este xoves en rolda de prensa dos avances da declaración do complexo dunar de O Vao como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) para manter a recuperación e a protección iniciada hai máis dunha década. “A zona ten unha riqueza extraordinaria, das máis importantes de Europa”, sinalou o rexedor.

Así, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se somete ao procedemento de información pública e audiencia o proxecto de decreto polo que se aproba o plan de conservación feito polo Concello de Vigo. Deste xeito, o documento encara a recta final da súa tramitación administrativa e durante un período de 15 días hábiles -que comezan a contar a partir de mañá- os cidadáns, colectivos, ou calquera persoa física ou xurídica interesada poderán achegar, preferentemente por correo electrónico, as consideracións e comentarios que consideren oportunos con relación ao devandito plan, elaborado polo Concello como promotor da iniciativa.

O Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte foi declarado espazo natural de interese local, de xeito provisional, mediante Orde do 26 de agosto de 2013. A aprobación do Plan de conservación do ENIL por decreto do Consello da Xunta permitirá que esa declaración pase a ter o carácter de definitiva. No documento que se somete agora a información pública, establécense as bases técnicas que garantirán a recuperación e conservación dos valores naturais presentes neste espazo protexido por un período de programación inicial de seis anos.

Tal e como explicou o alcalde na súa comparecencia ante os medios de comunicación, as medidas tomadas polo Concello durante a última década permitiron que actualmente a duna teña 7,7 metros de altura sobre o nivel do mar (1,7 metros máis desde 2010), 21 metros de ancho (4,6 metros recuperados nos dous últimos años e 11 metros desde 2010), 220 especies de flora e fauna, perdidas hai 20 anos, e un aumento de dous metros de vexetación dunar. Ademais, agora mesmo existen xa especies pioneiras que colonizaron 30 metros máis alá do peche perimetral.

O importe global para a xestión do territorio incluído no devandito plan de conservación por parte do Concello é de 815.652,52 euros, que se destinarán principalmente á restauración e conservación dos hábitats dunares, á eliminación de especies invasoras, á xestión do uso público, ao mantemento do propio ENIL, á potenciación da conectividade do espazo coa contorna e á protección da paisaxe. A ampliación do coñecemento científico e as accións de divulgación, sensibilización e educación tamén están previstas nesta planificación.

O plan xa recibiu os informes favorables do Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra, Dirección Xeral de Ordenación do Territorio, Dirección Xeral de Pesca, Costas do Estado e Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar do Ministerio para la Transición Ecolóxica.

Comentar noticia

Your email address will not be published.