O Concello centra o orzamento de 2019 na política social, de emprego e os investimentos

O Pleno deste xoves tomou coñecemento do perímetro de consolidación e marcos orzamentarios para o periodo 2019-2021, o punto de partida para as contas do Concello do próximo ano, co emprego, a política social e a transformación da cidade como eixos. Vigo, primeira cidade en iniciar a tramitación.
Publicado por o día 05/04/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Concello centra o orzamento de 2019 na política social, de emprego e os investimentos

O concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, presentou ante a Corporación o que na práctica é o inicio da elaboración do orzamento do Concello para o próximo ano, sendo Vigo a primeira cidade que aprobou o perímetro de consolidación e marcos orzamentarios para os tres próximos anos, como marca a lei.

Para Aneiros, amosa a “estabilidade” política do Concello de Vigo, a fiabilidade e o “impulso” que lle quere dar á cidade. O edil citou a política social, a xeración de emprego e a transformación da cidade como os eixos do próximo orzamento municipal, planificando tamén a prestación de servizos públicos “de calidade” como a limpeza, o transporte e a seguridade.

No tocante á política social, o concelleiro destacou como exemplo o cheque social, axudas ás familias que o precisan por valor de 2,5 millóns en concepto de alimentación, vivenda e enerxía. Este luns, engadiu Aneiros, o Concello abre o prazo de solicitudes da convocatoria deste ano.

Aneiros resaltou que esta programación a medio prazo converte ao de Vigo nun Concello “seguro xurídicamente”, que cumpre co obxectivo de estabilidade orzamentaria, de sustentabilidade financeira e coa regra de gasto, ademais de contar con débeda cero, tanto financeira como comercial.

Grupos
No debate, Marea de Vigo solicitou adaptar o documento municipal ao proxecto de Orzamento Xeral do Estado para este ano no tocante aos salarios do persoal, que prevé unha suba do 1,75% este ano e do 2,25%, e que tamén recolla a “quebra” da concesionaria do Auditorio Mar de Vigo e a súa reversión ao público. O seu voceiro, Rubén Pérez, cifrou a débeda da empresa en 70 millóns de euros.

O Partido Popular asegurou que o texto define a un goberno vigués sen proxectos novos, con “máis do mesmo” e unha suba de impostos, en verbas da súa voceira. Elena Muñoz asegurou que os marcos orzamentarios están “falseados” e indicou que a lei obriga á inclusión da reversión do Auditorio Mar de Vigo.

O concelleiro de Facenda pechou o debate pedindo ao PP que se retracte desta acusación e incidiu en que o Concello de Vigo é o primeiro que aproba o seu marco orzamentario, como “modelo” do municipalismo en España e sinal do “impulso” que está a dar o goberno local á cidade.