O Concello contrata a instalación de 31 puntos wifi e equipos informáticos nas parroquias

Serán instalados nas casas culturais para facilitar o acceso á rede no rural
Publicado por o día 25/01/2019 na sección de Galicia,Ponteareas

O Concello contrata a instalación de 31 puntos wifi e equipos informáticos nas parroquias

A concellería de Novas Tecnoloxías, que dirixe Benito Márquez, adxudicou a instalación de 31 puntos wifi, equipamentos informáticos e o seu mobiliario nas casas culturais das parroquias do Concello.

A iniciativa supón un investimento de 106.000 euros con cargo aos fondos europeos do programa “Ponteareas, Hábitat Saudable”.

Con esta acción, o Concello pretende achegar as novas tecnoloxías ás parroquias e conseguir a alfabetización dixital nun intre no que se comeza a xeralizar a tramitación electrónica coas administracións. “Na actualidade aínda é moita a veciñanza do rural que carece nos seus fogares de equipos informáticos e conexión a internet. Dando este servizo nas Casas Culturais a xente poderá relacionarse telematicamente e de balde coa administración”, sinalou o concelleiro.

Con esta medida ademais o Concello faise cargo da conexión a internet para os usuarios das Casas Culturais, un servizo que agora asumían e pagaban as propias asociacións alí onde contaban con el. Márquez salientou que con esta iniciativa “aseguramos a igualdade no acceso aos servizos no rural, facilítase a atención aos cidadáns fóra dos horarios presenciais do Concello, reducindo os desprazamentos e o consumo de papel”.

O sistema de rexistro para acceder á wifi será centralizado, de modo que calquera ci-dadán poderá acceder a Internet en calquera casa cultural diferente daquela na que se rexistrou. O acceso conta cun sistema de validación e navegación que ofrece total segu-ridade ao veciño que se conecte.

A Concelleira de Cultura, Hortensia Bautista tamén comunicou a previsión de manter un encontro coas Xuntas Directivas das Casas e Centros Culturais para facilitar toda a información e coordinar a posta en servizo dos puntos wifi.