O Concello contrata o servizo das escolas infantís de Bouzas e Tomás Alonso por 250.000 euros anuais

A Xunta de Goberno Local dará luz verde tamén aos convenios de colaboración coa Asociación Freixeiro de Axuda ao Necesitado, por 55.000 euros, e con Érguete que ten un importe de 45.000 euros.
Publicado por o día 10/04/2019 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Concello contrata o servizo das escolas infantís de Bouzas e Tomás Alonso por 250.000 euros anuais

A Xunta de Goberno Local dará luz verde tamén aos convenios de colaboración coa Asociación Freixeiro de Axuda ao Necesitado, por 55.000 euros, e con Érguete que ten un importe de 45.000 euros. 

Na sesión ordinaria que se celebra mañá xoves, a Xunta de Goberno Local aprobará a proposta de adxudicación da contratación do servizo para a xestión das escolas infantís municipais de Tomás Alonso e Bouzas por un período de catro anos e co compromiso de realizar cinco saídas e visitas didácticas anuais así como dez actividades anuais da escola de pais.

No caso da Escola Infantil Municipal de Tomás Alonso, o importe do servizo ascende a 997.000 euros para o período, mentres o contrato da EIM de Bouzas ten un valor de 986.000 euros.

Convenios con AFAN e Érguete 

Ademais, a Xunta de Goberno dará luz verde ao convenio de colaboración coa “Asociación Freixeiro de Axuda ao Necesitado” (AFAN) para a atención inmediata das necesidades básicas de persoas/ familias en estado de necesidade cun importe de 55.000 euros e ao convenio de colaboración con Érguete para a continuidade do Programa de Pisos de Apoio á Incorporación Social de Drogodependentes que ten un importe de 45.000 euros.

Quedará aprobada tamén na sesión da Xunta de Goberno a clasificación de ofertas para a contratación das obras de pavimentación da rúa Urzáiz, que ten un orzamento de 150.000 euros. No referente a obras, o Concello está pendente da autorización da Xunta de Galicia, que ten paralizadas as actuacións para reparar o firme das rúas Areal, Luis Taboada, Carral e Victoria.