O Concello convoca para o 6 de febreiro a primeira proba das oposicións a bombeiro

Citados no Ifevi, o BOP publica este venres a data -a expensas dos protocolos Covid, segundo anotou o alcalde- e as listas provisionais de candidatos. 419 persoas solicitaron optar a unha das doce vacantes de acceso libre, ás que se engaden outras tres de promoción interna e catro prazas máis de condutor-bombeiro.

O goberno de Vigo avanza no proceso de selección dos futuros efectivos que reforzarán o corpo de Bombeiros da cidade. O Boletín Oficial da provincia de Pontevedra (BOP) publica na súa edición deste venres a lista provisional, composición do órgano selectivo, lugar e data da primeira proba para cubrir as doce prazas de bombeiro de quenda libre correspondentes ás ofertas de emprego público do Concello dos anos 2017, 2018 e 2019.

En rolda de prensa, Abel Caballero informou da presentación de 419 solicitudes, das que 19 son de mulleres. O alcalde recordou que, por primeira vez, os requisitos das probas físicas de acceso foron adaptados para facilitar a súa incorporación. O Boletín recolle ademais que 38 das candidaturas están excluídas de forma provisional, xa que se abre un prazo de dez días hábiles para corrixir erros.

O Concello cita aos opositores o próximo 6 de febreiro ás 17 horas no recinto feiral de Cotogrande, unha convocatoria xa formalizada mais, aclarou o alcalde, condicionada pola pandemia e a validación dos pertinentes protocolos Covid.

As vacantes forman parte da Oferta de Emprego Público aprobada polo Concello de Vigo correspondente aos anos 2017, 2018 e 2019, na que o goberno dirixido por Caballero primou o reforzo das áreas de seguridade, con 62 prazas para a Policía Local e outras 24 para Bombeiros na súa primeira fase. A quenda libre conta con 46 postos para a Policía Local, 12 para bombeiro e outros catro máis para condutor-bombeiro. No relativo ás oposicións do ano 2020, estas tamén foron aprobadas polo goberno de Vigo e inclúen 85 empregos en total, segundo recordou Abel Caballero.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM