O Concello da Guarda continúa dando pasos para converter a praza de abastos nun mercado de excelencia

Nas vindeiras semanas arrancarán as obras de mellora que afectarán ao primeiro andar do mercado municipal, e sobre as que destaca a actuación para a apertura da terraza á rúa Concepción Arenal.
Publicado por o día 18/01/2021 na sección de Galicia,A Guarda

O Concello da Guarda continúa dando pasos para converter a praza de abastos nun mercado de excelencia

A obra acometerá melloras no solado do primeiro andar, concretamente procederase a substituír o actual solado por gres cerámico antibacteriano. Ademais realizarase o acondicionamento de dous postos, un anexo á terraza e outro máis no mesmo andar, de cara a abrir nos próximos meses un procedemento de presentación de ofertas para a adxudicación deses postos e outros do andar baixo que se atopan vacantes na actualidade.

Con esta reforma na terraza preténdese habilitar unha zona de lecer das persoas que van á praza e, na que nun futuro, se podería complementar o uso cunha cafetería, despacho de pan ou similar.

Tralas obras levadas a cabo en anos anteriores (habilitación de prazas de aparcamento, mellora na accesibilidade ou saneamento), esta actuación vai dirixida a modernizar unhas instalacións municipais que actúan como dinamizadores da actividade comercial da vila.

Estas obras levaranse a cabo con achegas da Consellería de Medio Rural e da Deputación de Pontevedra.

Esta actuación será complementada cun proxecto de mellora estética para o cal se fará un concurso de ideas aberto a persoas vinculadas co interiorismo e a arquitectura.