O Concello da Guarda está a redactar un anteproxecto para a estrada PO-352 de circunvalación ao Monte Santa Trega

Publicado por o día 23/01/2020 na sección de A Guarda,Galicia

O Concello da Guarda está a redactar un anteproxecto para a estrada PO-352 de circunvalación ao Monte Santa Trega

A PO-352 é sen dúbida algunha unha das principais arterias de comunicación da Guarda, basta dicir que é a única conexión entre o casco urbano da Guarda e a Parroquia de Camposancos, tanto polo Oeste como polo Este, alén de suliñar que conduce a todas as praias fluviais da nosa vila.

Con estas referencias resulta doado entender que o tráfico rodado que soporta, sobre todo en época estival, é moi considerable. Ao mesmo tempo, e dado que a paisaxe pola que discorre é moi fermosa, atrae a multitude de peóns que pasean por ela.

Sen embargo, a pesares da súa importancia e do tráfico que soporta,  non reúne as mínimas condicións de seguridade viaria, os carrís non superan na maior parte do trazado os 2,50 metros de ancho e non conta con beirarrúas para unha mínima seguridade dos peóns.

Dende a alcaldía da Guarda, foron moitas as ocasións, unhas por carta e outras persoalmente, nas que se lle reclamou á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade o ancheamento da calzada, a construción dunha senda peonil e un carril bici. Por citar as ultimas xestións:

  • 7 de novembro de 2017: reunión do alcalde Antonio Lomba coa conselleira Ethel Vázquez en Santiago, compromiso da conselleira de redactar o proxecto.
  • 26 de decembro de 2018: reunión do alcalde  Antonio Lomba en Pontevedra co Director Territorial de Infraestruturas, resposta do Director,  a senda pode entrar dentro dun paquete no ano 2019.
  • 31 de decembro do 2019: carta do alcalde Antonio Lomba á conselleira solicitándolle unha nova entrevista, ata o momento sen contestación.

Ante esta pasividade da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, o alcalde da Guarda encargou  a redacción dun anteproxecto que en breve entregará na Consellería para esixir a súa urxente execución.

O referido anteproxecto contempla unha actuación na totalidade da PO-552 que non conta con beirarrúas, tanto polo lado norte, Cruzada-Camposancos como no lado este Camposancos ata intersección PO-355(que conduce á Pasaxe consistente nun ancheamento da calzada de rodadura, a construción de beirarrúas e a dotación dun carril bici.

Comentar noticia

Your email address will not be published.