O concello da Lama renova o convenio de colaboración social coa fundación Amigos de Galicia para afondar na protección aos máis desfavorecidos do municipio

Permitirá que familias lamenses en situación de emerxencia social se benficien da actuación desta ONG
Publicado por o día 13/11/2019 na sección de Galicia

O concello da Lama renova o convenio de colaboración social coa fundación Amigos de Galicia para afondar na protección aos máis desfavorecidos do municipio

O alcalde da Lama, Jorge Canda Martínez, e o director xeral da Fundación Amigos de Galicia, Jesús Busto Peteiro, anovaron o convenio de colaboración que permitirá seguir desenvolvendo na Lama aspectos fundamentais da loita contra a desprotección a persoas en risco de exclusión social a través dun plan integral que leva a cabo esta ONG.

A sinatura deste convenio, que contou coa presenza tamén do tenente de alcalde David Carrera, permite manter e continua-la estreita colaboración existente entre a Fundación Amigos de Galicia e o Concello da Lama para que familias do municipio en situación de emerxencia social poidan lograr unha maior protección e atención das súas necesidades.

As principais beneficiarias destas axudas obxecto do convenio son aquelas persoas pertencentes a colectivos en situación de vulnerabilidade social, entre os que se atopan mulleres vítimas da violencia de xénero, familias monoparentais, parados de longa duración e menores en situación de risco de exclusión social.

Este convenio tamén incide na necesidade de traballar pola  integracion laboral das persoas usuarias do programa como solución real á situación de necesidade en que se atopan.

A traves deste convenio o  Concello da Lama  facilita á Fundación Amigos de Galicia unha axuda nominativa de 1.000 euros que irá destinada a reforzar o programa e a financiar alimentos ou vestiario incluídos dentro do obxecto desta iniciativa social.

O alcalde, Jorge Canda, agradeceu o labor que desenvolve esta Fundación desde hai anos en toda Galicia, especialmente na provincia de Pontevedra, e recoñeceu a importancia de canalizar o sentimento de solidariedade da poboación a través de entidades como esta para unha maior penetración da axuda social aos colectivos formados por persoas desfavorecidas e en risco de exclusión.

Segundo manifestoulle Jorge Canda a Jesús Busto, “facedes un  traballo magnífico e necesario para  chegar  onde os  servizos  sociais e  as  administracións públicas non  chegan canalizando ese  esforzo solidario e  altruísta da xente que colabora  na  loita contra a  precariedade e  empatiza  cos problemas que afectan directamente ao ser humano. Por iso  cremos que debemos  manter esta relación de colaboración polo interese  xeral e  pola  solidariedade que  irradiades a través dos  vosos  proxectos  sociais”, indicou o rexedor  lamense.