O Concello de Baiona e a Xunta realizan unha renovación integral das canalizacións exteriores do CPI Cova Terreña

Por o 02/04/2018 | Sección: Baiona,Galicia
O Concello de Baiona e a Xunta realizan unha renovación integral das canalizacións exteriores do CPI Cova Terreña
Compartir en:

A semana pasada iniciáronse as obras de renovación total das tubaxes do CPI  Cova  Terreña. Desde o Concello enviouse á empresa concesionaria do servizo da auga para verificar o estado das canalizacións tras sufrir unha avaría.  Analizada a situación, a Concellería de Educación, tomou a decisión de substituír e mellorar tanto a rede de abastecemento como a de saneamento e púxose en contacto no Xefe Territorial de Educación da Xunta de Galicia, César Pérez Ares, para dar prioridade ás obras e iniciar os traballos cuantos antes.

Trátase dunhas obras de gran magnitude pois ademais da renovación total da rede de abastecemento e saneamento, as intervencións tamén mellorarán a rede de pluviais xa que se separarán as augas pluviais da parcela para poder tratalas de maneira diferenciada.

“Puxémonos en contacto coa Xefatura Territorial de inmediato porque queriamos levar a cabo as obras de renovación integral coincidindo coas vacacións de Semana Santa”, detallou a Concelleira de Educación.

Ignacio López Chávez, Delegado da Xunta en Vigo, desprazouse ata o centro para coñecer de primeira man o estado das obras. O delegado estivo acompañado polo Alcalde de Baiona, Ángel  Rodal, quen lle estivo explicando detalladamente a intervención.

“Trátase dunha obra importante. Tras a comunicación da avaría e analizada a situación, apostamos por unha renovación integral. É por iso que en coincidindo coa Semana Santa, aproveitando o parón vacacional, procedeuse a substituír toda a rede de canalizacións exteriores”, apunta o Alcalde.

A Xunta financiou as obras con 10.000 euros dos 17.000 que supón o total A parte restante será asumida pola Concellería de Educación do Concello de Baiona.

Instalación Tarima Flotante e Illamento en Aulas de Infantil

Paralelamente aos traballos de renovación integral das canalizacións exteriores, a Concellería de Educación renovou o chan das dúas aulas de educación infantil do centro. En concreto, instalouse tarima flotante con goma escuma illante co fin de mellorar a temperatura. Aproveitando esta intervención tamén se procedeu ao pintado de ambas as clases, ofrecendo as estancias unha imaxe completamente renovada.  Destes traballas beneficiaranse os 50 escolares que na actualidade ocupan as cadeiras, así como tamén as xeracións futuras que pasarán polo centro CPI  Cova  Terreña.