O Concello de Baiona mellora as condicións laborais dos empregados municipais grazas ás súas contas saneadas

O Concello de Baiona poderá cubrir toda a taxa de reposición, xerar unha porcentaxe de emprego público e mellorar as condicións laborais dos empregados municipais grazas a “a boa xestión económica”.
Publicado por o día 03/09/2018 na sección de Baiona,Galicia

O Concello de Baiona mellora as condicións laborais dos empregados municipais grazas ás súas contas saneadas

O Concello de Baiona poderá cubrir toda a taxa de reposición, xerar unha porcentaxe de emprego público e mellorar as condicións laborais dos empregados municipais grazas a “a boa xestión económica”.

Esta mañá celebrouse unha Mesa de Negociación no  Concello de Baiona na que se acordaron numerosas medidas.

Tras a aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado de 2018, establecéronse as directrices e medidas que afectan o conxunto dos empregados públicos municipais, tales como a Oferta de Emprego Público ( OEP) e taxa de reposición, a xornada de traballo, ou a prestación económica en caso de incapacidade laboral.

Algunhas destas medidas están condicionadas ao resultado económico do ano anterior, como sucede coa Oferta de Emprego e a redución da xornada laboral, que repercuten directamente na creación de emprego.

Na Oferta de Emprego

Segundo a Lei de Orzamentos, a taxa de reposición poderá ser do 100 por cen se se cumpren os obxectivos de estabilidade orzamentaria, débeda pública e regra de gasto. Poderá haber unha taxa o 8 por cento adicional para reforzos dalgúns sectores, sempre no marco de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, que poderá chegar ao 10 por cento para os concellos que tivesen amortizada a débeda financeira ao 31 de decembro do ano anterior.

O  Concello de Baiona cumpre os obxectivos de estabilidade orzamentaria, débeda pública, regra de gasto e amortización de débeda financeira, polo que poderá establecer unha  OEP cun 110 por cento da taxa de reposición de efectivos.

En canto á xornada laboral

A Lei de Orzamentos mantén trinta sete horas e media semanais, pero permite mediante negociación colectiva establecer outras xornadas distintas, “ou unha repartición anual da xornada en atención ás particularidades”, condicionado igualmente á estabilidade orzamentaria, débeda pública e regra de gasto.

O cumprimento dos condicionantes económicos permite reducir a xornada aos empregados ata as 35 horas que tiñan antes dos recortes.

Nos supostos de incapacidade temporal.

Na Mesa acordouse por unanimidade establecer un complemento retributivo desde o primeiro día de incapacidade temporal que, sumado á prestación da Seguridade Social, alcance o 100% das retribucións fixas do mes de inicio da baixa, e deseñar un plan de control do absentismo con periodicidade polo menos semestral.

O Alcalde de Baiona, Anxo  Rodal, manifestou que “a boa situación económica vai permitir ampliar a Oferta de Emprego ata o 110% da taxa de reposición, permitindo a creación de postos de traballo polo que a súa importancia repercute en toda a sociedade. Tamén permiten a mellora das condicións laborais dos empregados públicos”.