O Concello de Bueu acometerá diversas obras con cargo aos remanentes do Plan Concellos 2016 da Deputación

En concreto, pavimentaranse os viais da Cereixeira e o de baixada á praia de Area de Bon, e tamén se construirá un novo vestiario na Nave de Deportes Náuticos de Pescadoira
Publicado por o día 19/09/2018 na sección de Bueu,Galicia

O Concello de Bueu acometerá diversas obras con cargo aos remanentes do Plan Concellos 2016 da Deputación

O Concello de Bueu acometerá tres proxectos con cargo aos remanentes do Plan Concellos 2016 da Deputación de Pontevedra, concretamente a pavimentación dos camiños da Cereixeira (A Graña), o da baixada á praia de Area de Bon (Beluso), e a creación dun vestiario para homes, que complementará o de mulleres, na Nave de Deportes Náuticos de Pescadoira. O alcalde salientou que o Concello está á espera da autorización para o uso destes remanentes e tan pronto como se reciba procederase á contratación das actuacións.

O camiño da Cereixeira, cuxo proxecto consta dun orzamento de 17.091,93 €, está situado no lugar de Graña e dado o seu mal estado procederase a unha actuación de pavimentación. Así mesmo, no vial de baixada á praia de Area de Bon, moi utilizado pola cidadanía sobre todo na época estival, tamén se vai acometer o seu arranxo. Esta actuación está valorada en 47.132,88 €, e o seu prazo de execución será dun mes.

Por último, na Nave de Deportes Náuticos de Pescadoira está programada a construción dun módulo de vestiarios para homes, que completará o xa existente de mulleres, e que incorporará duchas e aseos.

Tal e como consta no proxecto da obra, valorada en 46,270,17 €, a nave está dividida en dous: a parte situada ao Este está dedicada á restauración e construción de embarcacións tradicionais, e a Oeste ao deporte de remo nas súas diversas variedades, fundamentalmente remo en equipo. Na zona de vestiarios desta última zona construíuse un módulo de baños para mulleres fai un ano.