O Concello de Bueu acometerá novas melloras no Parque Empresarial de Castiñeiras

O alcalde e a concelleira de promoción económica mantiveron este luns unha xuntanza con representantes do sector empresarial
Publicado por o día 25/01/2021 na sección de Galicia,Bueu

Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, mantiveron este luns unha reunión con Rodrigo Pastoriza, xerente da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo, e Pablo Pazos, presidente da Asociación de Empresarios de Castiñeiras. Na xuntanza, os representantes do sector empresarial expuxeron as súas demandas sobre melloras a implementar no Parque Empresarial de Castiñeiras, e que o goberno local estudará durante estes meses.

A edil de promoción económica salienta que “a idea é continuar coa ampliación da sinalización e crear unha bolsa de aparcadoiro público nunha das parcelas municipais, ademais de crear zonas verdes”.

Estas actuacións únense ás que o Concello leva acometido neste espazo nos últimos anos. De feito, no Parque Empresarial melloráronse as beirarrúas (en máis de dous quilómetros), instalouse iluminación LED e axardináronse as rotondas, entre outras actuacións.